Galiza suma tres medallas nas dúas primeiras xornadas do Mundial de piragüísmo

Galiza suma tres medallas nas dúas primeiras xornadas do Mundial de piragüísmo
[Imaxe: CC] Tono Campos, prata no Mundial de Shaoxing
[Imaxe: CC] Tono Campos, prata no Mundial de Shaoxing  

Os palistas Diego Romero e Tono Campos conquistan o ouro e a prata na categoría C1 curto, mentres que Pablo Crespo e Diego Piñeiro fanse co bronce  no C2 Junior.


O Campionato do Mundo de piragüísmo maratón, que se disputa na localidade china de Shaoxing, non puido comezar mellor para os intereses galegos. Na primeira xornada, disputada na quinta feira, os palistas Diego Romero e Tono Campos coparon os dous primeiros postos da táboa clasificatoria do C1 curto, unha nova categoría de 3,6 quilómetros de distancia na que se competía por primeira vez na Copa do Mundo. Romero, que xa fora campión mundial na categoría C2 o ano pasado, atravesou a liña de meta logo de 16 minutos 17 segundos e 54 centésimas, tan só 1 segundo e 32 centésimas por diante do seu compañeiro no Club Breogán, Tono Campos.

Pola súa banda, Pablo Crespo e Diego Piñeiro, da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, fixéronse hoxe coa medalla de bronce no C2 Junior na súa primeira competición internacional, quedando a tan só 38 centésimas dos chinos Wang e Zhu, que finalizaron en segunda posición.

Máis opcións de vitoria nos vindeiros días

A expedición galega na Copa do Mundo de piragüismo está integrada por 20 palistas, moitos dos cales teñen opcións reais de medalla. As máis importantes son as de Tania Álvarez e Tania Fernández no K2, Iván Alonso no K1 e Raquel Rodríguez e Jennifer Casal no C1.