PABLO DAPENA, QUE OSTENTABA O TÍTULO, FOI SEGUNDO

Gómez Noya, campión do mundo de triatlón de longa distancia en Pontevedra

Gómez Noya, campión do mundo de triatlón de longa distancia en Pontevedra
O de hoxe é o noveno título mundial do ferrolán
O de hoxe é o noveno título mundial do ferrolán  

O triatleta ferrolán Javier Gómez Noya segue a engordar o seu palmarés cun novo título mundial, neste caso de longa distancia, conquistado no día de hoxe no concello de Pontevedra, cidade na que reside desde hai anos. Gómez Noya colle así o testemuño do seu compañeiro de adestramentos Pablo Dapena, gañador o ano pasado en Dinamarca e que rematou a proba no segundo posto, confirmando deste xeito o bo momento polo que atravesa o triatlón galego. 

Gómez Noya empregou cinco horas, cinco minutos e trinta e nove segundos en completar a proba (tres quilómetros a nado que quedaron reducidos á metade pola temperatura da auga; 113 de bicicleta e 30 de carreira a pé) coa que se coroa tamén na especialidade de longa distancia, xusto unha semana despois de regresar cun segundo posto ás Series Mundiais. O título acadado hoxe súmase aos cinco que posúe en distancia olímpica, dous ironman e un cross x-terra. 

Trala finalización da proba, o campión do mundo aseguraba "non ter palabras para describir o vivido hoxe en Pontevedra. Un ambiente impresionante cun público espectacular, posibelmente o triatlón con máis xente animando no que teño competido". Gómez Noya recoñeceu que a carreira "se fixo longa, mais aguantei mellor do que esperaba". Tivo palabras tamén para o segundo clasificado. "Máis contento se cabe co meu amigo Pablo, que foi segundo".  

O triatleta ferrolán ten como obxectivo competir nos Xogos Olímpicos de Tokio de 2020.