FESTIVAL DE CENTROCAMPISMO NO HELIODORO RODRÍGUEZ LÓPEZ

Un Lugo con medo a perder consegue empatar en Tenerife

Un Lugo con medo a perder consegue empatar en Tenerife
Un lance do encontro
Un lance do encontro  

Centrocampismo a esgalla, especulación co balón, medo a perder por ambas partes, contención. Con esas premisas o normal é que o choque entre dúas equipas da zona baixa da táboa acabe con empate sen goles. Ao Lugo bastoulle oficio defensivo para cazar un punto perante un rival ao que ben puido ter batido de ter sido algo máis ambicioso.


Boa parte dos cronistas escribirán que o empate non lle vale nen a canarios nen a galegos, mais non nos enganemos: o reparto de puntos é sempre mellor para a equipa visitante e aínda queda un mundo por diante (en concreto 33 partidos do campionato) como para a estas alturas dotar de excesivo dramatismo a crónica dun xogo desta Segunda División.

O Lugo foi a Tenerife a non perder e dese ponto de vista conseguiu os seus obxectivos. Visto o visto, a dúbida é que tería pasado de a equipa de Javier López ter ido a disputar o xogo con algo máis de cobiza. Houbo poucas intertrocas de golpes, poucos remates a porta, mais a impresión que deitou o encontro é que o medo a perder foi demasiado poderoso en ambos bandos, así que o empate foi case inevitábel.

Após este 0-0, o Lugo suma 9 puntos en 9 xornadas, dúas vitorias, tres empates e catro derrotas. Un máis que a escadra canaria. Se ollamos o asunto en perspectiva, o resultado non está nada mal se pensamos nun hipotético empate final clasificatorio entre ambos. Sempre e cando, claro está, no Anxo Carro o Lugo poña algo máis de ambición sobre o céspede.

CD Tenerife: Dani Hernández; Luis Pérez, Jorge Saenz, Carlos Ruiz (Joao, min. 58), Camille; Undabarrena (Bryan Acosta, min. 78), Alberto; Suso, Luis Milla, Montañés (Malbasic, min. 24); e Nano.

Lugo: Juan Carlos; Luis Ruiz, Josete Malagón (José Carlos, min. 68), Vieira, Campabadal; Lazo (Campillo, min. 90), Pita, Seoane, Iriome; Cristian Herrera (Sergio Gil, min. 34) e Dongou.

Árbitro: Luis Mario Milla Alvendiz (Comité Andaluz). Cartóns aos locais Malbasic, Luis Milla e Alberto, e aos visitantes Iriome, Luis Ruiz, Vieira e Lazo.

Incidencias: Encuentro disputado no Heliodoro Rodríguez López, da capital tinerfeña, ante 10.074 persoas. 



x