DÉPOR-LUGO (0-0)

Máis emoción que beleza nun derbi sen goles

Máis emoción que beleza nun derbi sen goles
Juan Carlos, o porteiro do Lugo.
Juan Carlos, o porteiro do Lugo.  

Postos a procurar un heroe, non hai dúbidas: Juan Carlos, o gardamallas do Lugo. Postos a subliñar unha decisión técnica dificilmente comprensíbel, tampouco: a suplencia de Quique González no Dépor. Postos a tirarmos conclusións do primeiro derbi galego da temporada, hai unha que se destaca sobre as demais: o Dépor non atravesa o mellor momento do curso e o Lugo é un combo serio e difícil de bater. Si, un combo capaz de sobrevivir nun campo como Riazor en inferioridade numérica.


O primeiro acto do derbi foi un monólogo estéril dun Dépor que tivo a bola, mais non foi quen de a facer circular co suficiente nervio e velocidade. Só un disparo a porta con verdadeiro perigo, repelido polo poste dereito do arco defendido por Juan Carlos. A Carles Gil xa o coñecemos: sóbralle o talento para criar, mais está pelexado co gol. Mágoa.

Neses primeiros 45 minutos, o Lugo mostrou o que é, unha escadra ben organizada e capaz de sufrir. Con iso basta para transitar con dignidade por esta categoría, tamén nos grandes cenarios como o riazoreño.

Após o intermedio, o Dépor pisou algo o acelerador —ou corres algo máis ou non hai xeito de ultrapasar as liñas defensivas de equipas como o Lugo— e comezou a darlle bola a Juan Carlos. Este achou ese momento que todo porteiro desexa, o de se consagrar nun partido grande. Un disparo envenenado de Borja Valle, unha cabezada en boca de gol de Carlos Fernández... Como un actor roubaplanos, Juan Carlos adonouse do partido e decidiu que, tal e como xa acontecera no exercicio 2013-2014, o Lugo non ía conceder nin un só gol na Coruña.

Con 20 minutos por diante, o Lugo ficou con 10 futebolistas sobre o verde, pola expulsión de José Carlos. Nada sustancial mudou. Juan Carlos continuaba no seu sitio. O combo de Monteagudo reaxustou liñas e fechou condutos. Saíu Cartabia, habitualmente espumoso, desta volta pouco lúcido, e tamén apareceu, incomprensibelmente a deshora, Quique González. Máis sprints. Máis aceleración. E máis balóns a chover sobre a área visitante. Todo iso é certo, mais na ofensiva local botouse de menos algo de pausa para filtrar pases de gol, para achar buracos nas paredes. Xa o advertira semanas atrás Natxo González, especialista nas profecías auto-cumpridas: todos os equipos pasan os seus maos momentos. Este é o do Dépor. O do Lugo, non. O Lugo cumpriu sobradamente, até nos dous últimos minutos xogou con dous homes menos. Non se puxeron nerviosos en ningún momento. Sabían ben quen lles gardaba a portería.