O Mallorca agarda o Deportivo na decisión final sobre o ascenso

O Mallorca agarda o Deportivo na decisión final sobre o ascenso
Un momento do Málaga-Dépor
Un momento do Málaga-Dépor  

O combate final será co Mallorca, un histórico que, así é o fútbol, viviu o pasado exercicio o seu inferno particular na Segunda B e disponse agora a asaltar o ascenso. A clasificación da liga regular foi a que foi —os baleares quintos, os galegos sextos—, mais as apostas ven favorito a un Dépor que parece definitivamente de volta.


Esta quinta feira o combate final vivirá o seu primeiro episodio. Será en Riazor a partir das 21 horas. O clube coruñés porá entradas a prezos populares, a partir de 10 euros, co obxectivo de ateigar as bancadas. A freguesía foi decisiva na vitoria contra o Málaga. A freguesía e os fados: nos 180 minutos de xogo os paus branquiazuis repeleron até tres bolas de gol do emerxente Ontiveros, un xogador de calidade superlativa que apunta, el si, claramente á Primeira División.

A volta desta eliminatoria final do play off de ascenso terá lugar o domingo, en plena celebración do San Xoán, en Son Moix, tamén por volta das 21 horas.

É o Deportivo o favorito? Con todas as cautelas do mundo, e tomando como referencia as semifinais deste play off, a resposta é si. Ten o equipo coruñés máis potencia de fogo (Cartabia, Borja Valle, Carlos Fernández), nervo defensivo (Bergantiños, Domingos Duarte) e un gardamallas de garantía (Dani Giménez). Alén diso, desde o banco o estratega Martí está a acertar en asuntos cruciais como a rotación dos futbolistas (modélica a dosificación dos recursos fronte ao Málaga) ou a motivación psicolóxica (o que permitiu os deportivistas superar con éxito a saída en tromba do Málaga durante os primeiros 20 minutos do partido na Rosaleda).

En todo caso, unha eliminatoria a 180 minutos sempre contén certas doses de aventura imprevisíbel. O azar —como mostrou o choque co Málaga, esa teimosía de Ontiveros en catar a madeira da portería de Dani Giménez—goberna moitas veces o fútbol. Até agora militou a prol do Deportivo.