Miguel Otero consegue 5% das accións e precipita as eleccións no Dépor

Miguel Otero consegue 5% das accións e precipita as eleccións no Dépor
A foto de Carmelo del Pozo pendurada en @RCDeportivo
A foto de Carmelo del Pozo pendurada en @RCDeportivo  

O ex presidente da Federación de Peñas apresentará esta quinta feira o pacote de accións suficiente -5 por cento- para forzar unha xunta xeral de accionistas que terá como único ponto da orde do día o cesamento dos actuais administradores do clube e a elección dos seus substitutos.


Segundo fontes próximas á súa contorna, Miguel Otero tería conseguido o respaldo de máis de 8.500 accións delegadas, entre elas a do empresario Manu L. Cascallar, quen se candidatou á presidencia do clube en xaneiro de 2014.

Otero confía en mobilizar arredor del o lendoirismo, a corrente de opinión dentro das bancadas deportivistas que se identifica co legado e o ideario de Augusto César Lendoiro, presidente do clube durante case 26 anos. Xusto até que en xaneiro de 2014 foi derrotado nunha xunta xeral de accionistas polo actual primeiro executivo do clube, Tino Fernández.

A situación social de Fernández é delicada, após o clube ter completado o pior exercicio en Primeira División de que hai memoria en Riazor, nunha temporada en que el propio colocara como obxectivo ficar entre os dez primeiros clasificados e superar o Celta. A súa única baza é o saneamento económico do clube, após chegar a un acordo financeiro con Abanca. Mais mesmo aspectos da súa xestión nesta materia son discutidos, como o feito de ter adiantado determinados prazos da débeda, o que tería limitado a disponibilidade de diñeiro líquido nas arcas da Praza de Pontevedra.

E mentres Miguel Otero reunía 5 por cento das accións, Tino Fernández movía ficha no taboleiro das fichaxes e incorporaba como director técnico do clube Carmelo del Pozo (Segovia, 1969), quen asina polas próximas tres temporadas. Realizou a mesma función no Levante, clube co que conseguiu o ascenso á Primeira División na temporada 2016-2017.

Na oposición critícase esta operación por considerar que Fernández, consciente de que se ía ver abocado a eleccións, se prevale do seu cargo ao tornar a contratación de Del Pozo como un feito consumado e condicionar así a política deportiva dun hipotético novo presidente. O discurso da directiva é que a fichaxe dun director técnico non se podía adiar no tempo, nen aprazar até a conclusión dun eventual proceso eleitoral, porque atrasaría varios meses a planificación da próxima temporada, o que daría vantaxe a rivais do clube á hora de acudir ao mercado de fichaxes.



x