Miguel Otero, ex presidente da Federación de Peñas, postúlase como presidente do Dépor

Miguel Otero, ex presidente da Federación de Peñas, postúlase como presidente do Dépor
A mala racha do Dépor ten debilitado o liderado de Tino Fernández
A mala racha do Dépor ten debilitado o liderado de Tino Fernández  Foto: A Liga

Se conseguir o apoio de no mínimo 5 por cento das accións do clube, podería forzar a reunión dunha Xunta Xeral de Accionistas con vistas á elección dun novo consello.


A oposición interna, basicamente nucleada arredor do legado de Lendoiro, xa tería candidato para remover da presidencia Tino Fernández. O primeiro executivo do clube -que substituíu Lendoiro após o vencer nunha xunta de accionistas en xaneiro de 2014- está moi debilitado pola marcha do primeiro equipo, abocado ao descenso de categoría salvo improbábel milagro de última hora.

En xeral na Coruña a percepción é que Fernández é un bon xestor económico -reduciu a débeda após un acordo financeiro con Abanca-, mais un deficiente xestor da área deportiva, como demostraría o feito de ter xa despedido 6 treinadores desde que asumiu o cargo (Fernando Vázquez, Víctor Fernández, Víctor Sánchez del Amo, Gaizka Garitano, Pepe Mel e Cristóbal Parralo). 6 adestradores en menos de 4 anos.

A pasada sexta feira, após o empate face o Leganés, o actual presidente do clube, Tino Fernández, desbotaba a hipótese do adianto eleitoral e expresaba a súa vontade de finalizar o seu mandato, que expiraría en xaneiro de 2019. Agora todo depende de se a alternativa opositora consegue reunir o 5 por cento das accións. Se o lograr, o avanzo das eleccións sería un feito.

Nota: na versión inicial desta noticia se afirmaba que "a candidatura de Otero (...) tería o apoiou dunha Federación de Peñas que tería perdido a confianza en Tino Fernández". Fontes da Federación dirixíronse a Sermos para desmentir este aspecto da información.
 



x