As mulleres gañan o partido á Federación española de balonmán

As mulleres gañan o partido á Federación española de balonmán
[Imaxe Gorka Rubio_Argazki Press]
[Imaxe Gorka Rubio_Argazki Press]  

As deportistas poderán elixir a súa equipación após denunciaren o carácter "sexista" da normativa imposta pola Federación española que exixía vestir top e bikini nas competicións. 


O debate foi aberto pola Federación Vasca de balonmán praia. As súas equipas de categorías femininas foron amonestadas pola Federación española no Campionato de Sauces por non vestiren unha equipación concreta. En realidade 21 das 22 equipas que concorrían na competición foron apercebidas por non vestiren top e bikini. 

Segundo o organismo español a normativa europea exixe que as deportistas porten unicamente estas dúas prendas fronte ao que acontece noutros territorios, como Euskadi, onde as xogadoras poden elixir a equipación --sendo maioritaria a camisola sen mangas e uns pantalóns curtos. Após as exixencias da Federación, que mesmo ameazou con non deixar competir a aquelas equipas que incumpriran a suposta normativa, desde Euskadi comezaron a lanzar fortes críticas, a comezar polas propias deportistas. 

"Deixar o estómago ao ar" e bikinis de "non máis de 10 centímetros"

Desde a Federación Vasca de balonmán aseguraron que estaban a avaliar a posibilidade de non concorrer a competicións españolas se non se permitía ás equipas elixir a equipación de maneira libre por consideraren "sexista" as exixencias da Federación española e contrarias aos valores igualitarios que desde Euskadi promoven, segundo afirmou o responsábel da federación vasca, Diego Izquierdo. 

E é que as normas españolas obrigan a que a vestimenta das mulleres deixe "o estómago ao ar" e no bikini "non teña na parte máis ancha máis de 10 centímetros". En troca, os homes poden portar pantalóns que "non superen os 10 centímetros desde a rótula".

Esta quinta feira a directora xeral do Consello Superior de Deportes (CSD), Ana Múñoz, anunciou que a partir de agora as equipas de balonmán praia "poderán elixir as equipacións que prefiran en competicións" organizadas pola Federación española. Múñoz recoñeceu que "o carácter obrigatorio" de usaren top e bikini "pode ser sexista". 

Así, a normativa deixará "liberdade de elección" ás deportistas.