Un neno de Vigo convértese no primeiro futbolista federado con diversidade funcional

Un neno de Vigo convértese no primeiro futbolista federado con diversidade funcional
[Imaxe: RFGF] Xogadores da AD Montecastelo
[Imaxe: RFGF] Xogadores da AD Montecastelo  

Unha modificación da normativa da Real Federación Galega de Fútbol e a aposta pola integración e a igualdade de oportunidades do seu club, a Agrupación Deportiva Montecastelo, permite a Álex, de nove anos, cumprir o seu soño de xogar ao fútbol cos seus compañeiros.


Mickaël Correia, na súa imprescindíbel Une histoire populaire du football, relata que o fútbol “non é só goles, xogadas, traxedias, plasticidade, vitorias ou desencantos. Tampouco é só lucro, beneficios e cartos. O fútbol é moito máis que todo iso. É unha metáfora social que nos axuda a comprender o mundo que nos rodea, os seus conflitos, a alta diplomacia, os fluxos migratorios, os episodios de racismo ou as loitas colectivas, sociais, feministas, sindicais ou nacionais”.

En definitiva, o fútbol axuda a comprender e a dar sentido á vida, en singular, e ás vidas, en plural, vidas como a de Álex, un rapaz de nove anos que non podía vivir o fútbol como un cativo máis. E non porque non llo permitisen o Trastorno do Espectro Autista e a limitación visual que padece, senón porque unha normativa impedía que defendese no terreo de xogo as cores amarelas da camisola do seu club, a Agrupación Deportiva Montecastelo, polo único feito de ser diferente aos demais.

Esa barreira, esa “débeda pendente”, en palabras da propia Federación Galega de Fútbol (FGF), por fin foi botada abaixo. E Álex foi o primeiro en derrubala. Agora, logo da creación por parte do ente federativo da licenza de Persoa Discapacitada Autorizada (PDA), ábrese a porta a que a diversidade funcional das persoas como Álex non sexa impedimento para participar nas competicións futbolísticas oficiais, sempre que o autoricen as nais e pais do menor e conte co visto e prace dos responsábeis médicos.

Álex debuta con vitoria

Os espertos din que os resultados nas categorías inferiores non son, nin deberían ser, o importante. Pero neste caso pódese facer unha excepción, pois Álex, grazas a esa nova licenza PDA, debutou durante a última xornada da Segunda División Benxamín de Fútbol 8, e de que modo: contribuíndo coa súa suor á vitoria do Montecastelo por 5-0.

Ademais, a Federación Galega de Fútbol deu un paso máis no camiño da inclusión coa aprobación pola súa Comisión Delegada, seguindo o estabelecido no artigo 51 da Lei do Deporte de Galiza de 2012, da norma que pronto dará lugar ás primeiras competicións oficiais para persoas con diversidade funcional, malia que de momento non concreta datas para o seu comezo oficial.