“Non puiden entrar no estadio coa bandeira do meu país”: requisa de ‘estreleiras’ a seareiros deportivistas no campo do Leganés

“Non puiden entrar no estadio coa bandeira do meu país”: requisa de ‘estreleiras’ a seareiros deportivistas no campo do Leganés

Seareiros deportivistas denuncian nas redes sociais a requisa de estreleiras no estadio do Leganés, acción que xa padeceron nese mesmo estadio outras afeccións galegas


A través das redes sociais afeccionados deportivistas denunciaron a requisa de bandeiras galegas coa estrela vemella, tamén coñecidas nos últimos anos como ‘estreleiras’, en Butarque, estadio do Leganés, a equipa madrileña contra a que xogou o Dépor esta pasada sexta feira. “Hoxe non puiden entrar coa bandeira do meu país a Butarque”, lamentaba @DarioBurgos, após denunciar: "Acaban de requisarme a bandeira nacionalista". “Doutravolta volveron ser requisadas da bandeira da Patria nun desprazamento de seareiros galegoa a un campo de España. Onte, en Butarque”, escribía @manuelfcomendez. Ademais, desde peñas deportivistas como a de Verín denunciouse a requisa de bufandas por ter o símbolo dunha caveira.

Non é a primeira vez e non parece que vaia ser a derradeira que a afeccionados galegos se lles prohibe entrar a un estadio de fútbol coa bandeira galega coa estrela vermella ou ben con outros elementos que os encargados de seguridade ou forzas de seguridade entendan que poden ser “nacionalista”. Mesmo chegando a reter ao afeccionado se este se nega a entregar a bandeira

Nese mesmo estadio, Butarque, e tamén a través das redes sociais, varias peñas celtistas (Colectivo Nós, Tropas de Breogán ou Cigarróns Celestes) e afeccionados denunciaban en xaneiro do ano pasado a requisa destas bandeiras, así como de bufandas e outros elementos, como camisolas con tríscele e mesmo unha bandeira das 7 nacións celtas.

Colectivos como Dereitos Civís teñen denunciado perante diversos organismos, entre eles a Defensoría del Pueblo, estas requisas.