O administrador concursal descarta a liquidación do Depor se houber un cambio radical no modelo de xestión

O administrador concursal descarta a liquidación do Depor se houber un cambio radical no modelo de xestión
O clube debe 156 millóns de euros. Embora iso, continúa a ser viábel, a condición de que mude radicalmente a súa xestión económica.

Cada día temos algo máis de información coa que explicar a actual situación económica no Deportivo da Coruña. Un informe realizado polo administrador concursal, filtrado a un xornal coruñés, pon en evidencia que as decisións da directiva que preside Lendoiro foron as responsábeis da má situación en que se acha o clube.

O estudo realizado por AD Cryex, agora en mans do xuíz substituto do Mercantil nº 2 da Coruña, indica que o presidente do Depor errou cando tomou a decisión de non acollerse ao concurso de acreedores no mínimo desde 2006. No informe evidencian que logo de non tomar a decisión correcta, Lendoiro -que segundo o administrador concursal tería vivido fóra da realidade- acometeu gastos que o clube non podía pagar.

Mudar de modelo de xestión

A débeda actual do Depor, recollida tamén nese informe, chegaría a 156 millóns de euros. Unha grande parte dese importe, 93,7 millóns de euros, sería coa propia Axencia Tributaria. A situación, malia todo, non é irreversibel para o administrador concursal. O estudo de AD Cryex aconsella mudar de xeito radical o modelo de xestión, “na maneira de concibir e executar quer a estratexia quer a xestión da entidade”.

Clube e acreedores teñen dez días para presentar un incidente concursal antes da pronunciación do xuíz sobre este informe.