95 anos do Celta, a equipa que naceu con vocación de representar un país

95 anos do Celta, a equipa que naceu con vocación de representar un país
Imaxes RC Celta
Imaxes RC Celta  

O club celeste fundouse un 23 de agosto de 1923 froito da fusión do Fortuna e o Vigo Sporting. Olímpico, Breogán, Galicia, Oliva e Atlántico foron algúns dos outros nomes que se barallaron para a nova equipa.


O fútbol comezou a practicarse en Vigo nos desaparecidos peiraos do porto alá a finais do XIX e principios do XX. O deporte que tivera  seu estreo na península en Vilagarcía de Arousa (lugar habitual de recalada da armada británica) empezou a xogarse na cidade olívica por traballadores británicos de de Eastern Telegraph Company Ltd, empresa que se instalara na cidade en 1873.

Esta empresa, como lembran en Fame Celeste, promoveu en 1895 a primeira equipa estábel de football da cidade, Exiles Cable Club (1895), que competía contra tripulacións de buques británicos que pasaban polo porto vigués. Pouco despois nacían xa os primeiros clubs de fútbol con galegos, como o Petit FC. Pouco despois, a a raíz duns estudantes que aprender este novo deporte, nacían o Vigo Sporting e o Fortuna e aí está o xerme do Celta: en febreiro de 1923 fanse as primeiras xestións por Manuel de Castro "Handicap" e Juan Baliño para fusionar as dúas equipas e o 23 de agosto de 1923 naceo o novo club: o Celta de Vigo.

celta

Antes, os socios decidiran en asemblea o nome que tiña que leva a equipa que saíse da fusión de Fortuna e Vigo Sporting. Breogán (o 3º máis votado), Oliva, Galicia, Atlantic ou Olímpico (2º máis votado)  foron algúns dos barallados mais finalmente o escollido foi Celta, Celta de Vigo. A intención era clara e era a mesma que na escolla das cores da equipación, azul celeste e branco, como as da bandeira galega: Un equipo que representase Galiza.

Como explica tamén Fame Celeste, o Celta naceu cun plantel de no mínimo 60 xogadores por mor dos cadros dos dous equipos fusionados.  Pinilla, Otero , Balbino , Salas , Moncho Gil , Salas , Hermida , Queralt , Freire , Encinas , Nolasco , Castro , Chiarroni , Lilo , Abad , Juanito , Correa , Clemente , Dimas , Posada , Salvador , Reigosa  , Córdoba , Polo , Jacobo Torres , Bachmann ... eran algún dos xogadores.

Presentación e primeiras competicións

O partido de presentación oficial do equipo tería lugar o 16 de setembro de 1923 no Campo de Coia (Balaídos non se construiría até 1928), un encontro no que se enfrontaron dous equipos formados a partir do numeroso persoal que tiña o club tras a fusión do Vigo Sporting e o Fortuna. O primeiro partido amigábel desputouse o 23 de setembro no Campo de Coia, fronte ao Boavista portugués: 8-2 para os galegos. Posteriormente enfrontaríanse ao campión polaco, o Cracovia, resultando tamén vencedor o equipo galego.

O Celta de Vigo inscríbese por primeira vez nun campionato oficial, o Campionato Galego, o 7 de outubro de 1923. Con escaso número de equipos inscritos na competición (Eiriña de Pontevedra, Unión Sporting e Rácing de Ferrol), os vigueses logran vitoria tras vitoria. As cifras pono de manifesto; 29 goles a favor e tan só 3 en contra, en seis partidos.

celta mural

O 23 de marzo de 1924 o Celta de Vigo estreábase por primeira vez nunha competición a nivel estatal; a Copa de España. O primeiro encontro enfrontou aos vigueses co posuidor do título nese momento, o Athletic de Bilbao e acabou con empate a un. O partido de volta en San Mamés acabou cunha malleira dos bilbotarras aos vigueses: 6-1.

Primeiro ‘O Noso Derbi’

O Celta enfróntase por primeira vez ao Deportivo nun torneo oficial na tempada 1924/25. Sería en campo coruñés e os celestes sairían derrotados por 3-0. Pero o partido de volta, celebrado en Coia o 8 de xaneiro de 1925, acabaría con vioria céltica por tres goles a cero. Ao final de tempada o RC Celta de Vigo facíase de novo co campionato galego.

Desde entón, décadas de partidos e historias para o club celeste, que ten seareiros e peñas por todo o mundo, desde Nova Iorque até Londres, de Bos Aires a Camberra. Unha historia na que, fiel aos principios cos que naceu en 1923, está presente a ligazón a Galiza. Como naquel 4 de decembro de 1977, aínda aberta a coitelada de catro décadas de ditadura, en que os xogadores do Celta saltaban ao campo de Balaídos portando unha gran bandeira galega confeccionada para a ocasión. Ao tempo, soaba por megafonía Os Pinos, descoñecido para gran parte dos presentes. A primeira vez desde a II República que a simboloxía nacional regresaba a un estadio de fútbol. E facíao pola porta grande.



x