Luis Enrique ficha polo Celta para as dúas próximas temporadas

Luis Enrique ficha polo Celta para as dúas próximas temporadas
Luis Enrique
Luis Enrique  

O clube celeste agradece a Abel Resino o traballo desenvolvido, mais entende que é mellor seguir "camiños separados". O Celta ultimou a fichaxe do ex-adestrador do Barça B e da Roma coa cabeza posta na súa experiencia en traballar coa canteira


Cando todo semellaba atado e ben atado, e que Resino ía seguir no banco do Celta como mínimo unha temporada máis, saltou a noticia: Celta e Resino acordaron de mutuo acordo poñer fin á súa relación. Nun comunicado escueto, o clube celeste agradece a implicación e o traballo de Abel e que mantivese o Celta en Primeira. Mais as “diferenzas de filosofía” en materia deportiva -nomeadamente no que ten a ver coa política de fichaxes e o papel que debe xogar a canteira- aconsellan “camiños separados”.

Esas diferenzas partirían de que Abel Resino pedía 9 xogadores contrastados para o Celta ter esta temporada; o resto, canteira. Unha petición que chocaba coa filofofía celtista destes últimos anos, de clara aposta polos futbolistas da casa.

Canteira

Luis Enrique, ex-adestrador do Barça B e da Roma, é a persoa que o Celta xulga acaída para a tarefa de construír un equipo serio coa canteira como columna vertebral. O clube xa acadou un acordo co asturiano, polo que este adestrará os celestes as dúas próximas temporadas.