O Dépor é máis que un rombo

O Dépor é máis que un rombo
O gardamallas do Albacete non dá alcanzado a bola no primeiro gol do Dépor
O gardamallas do Albacete non dá alcanzado a bola no primeiro gol do Dépor  

NIngún equipo con cara e ollos é redutíbel a un único sistema de xogo. Aínda lle levou ben tempo a Natxo González asumir esta sinxela lóxica do fútbol, do moderno ou do cavernario. Riazor viviu este domingo un cómodo triunfo fronte a un rival directo polo ascenso. E viviuno sen rombo sobre o céspede.


Necesitaba o Dépor dúas cousas: unha vitoria que elevase a moral da tropa e demostrarse a si mesmo que non é escravo dunha única disposición táctica. Ou sexa, que hai vida máis alá do rombo, un artefacto que serviu aos de Natxo González para comezar ben o campionato, mais para o que xa acharan antídoto os rivais branquiazuis.

Un 4-3-3 foi a proposta do técnico vasco. E funcionou. O equipo estivo máis compensado, as bandas menos expostas aos puñais adversarios. Non é que o rombo non poda carburar: é que para facelo precisa da mellor versión física de todos os futbolistas. E determinado rendimento non é sostíbel durante todo o curso. Cando o oxíxeno comeza a escasear é ben ir a un dispositivo táctico algo máis convencional, coas liñas algo máis xuntas, sen regalar autoestradas ao rival.

Claro que a pizarra non serve de nada se os futbolistas non acompañan. E desta volta fixérono, con especial destaque para un imperial Edu Expósito, o boss na medular branquiazul, e un Fede Cartabia que é claramente o xogador máis desequilibrante na Segunda División. Se deixa atrás os seus recorrentes problemas físicos, se deixa de somatizar as súas dúbidas e dá un paso adiante na súa autoestima, estamos ante o futbolista franquicia que precisa o Dépor para voltar á elite.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón, Domingos Duarte, Pablo Marí, Diego Caballo, Edu Expósito, Álex Bergantiños, Vicente Gómez, Fede Cartabia (Carlos Fernández, min. 79), Borja Valle e Quique (Christian Santos, min. 65).

Albacete Balompié: Tomeu Nadal, Álvaro Tejero, Arroyo, Gentiletti, Mathias Olivera, Eugeni Valderrama, Malsa, Febas (Álvaro Peña, min. 72), Acuña (Susaeta, min. 65), Zozulia (Rey Manaj, min. 80) e Bela.

Goles: 1-0, m. 19: Fede Cartabia; 2-0, m. 68: Borja Valle.

Árbitro: Vicandi Garrido (c. vasco). Cartón amarelo a Gentiletti (min. 55) e Álvaro Tejero (min. 69).

Incidencias: partido correspondente á 22ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 16.525 espectadoras e espectadores.