O Dépor quere crer

O Dépor quere crer
Imaxe do RC Deportivo
Imaxe do RC Deportivo  

Empatou co Espanyol nun partido no que mereceu a vitoria. Tivo coraxe, intensidade e valentía. Mais falloulle a sorte.


O Dépor quere crer. O partido desta sexta feira en Riazor fronte ao Espanyol demostra que pode crer. Foi outro Dépor, diferente ao que acumulaba xa 10 partidos sen gañar. Un cambio que se veu no céspede e que se percibiu na bancada. Dous tiros ao pau e un penalti marrado mostraron que faltou ese pouco de fortuna necesario para que o punto logrado fosen tres.

Na primeira parte o Deportivo puxo máis gañas que fútbol mentres que na segunda ambas as dúas estiveron sobre a mesa. O Dépor mellorou en defensa se ben aínda lle falla vertebrar o xogo. Na primeira metade houbo erros por parte das dúas equipas, mais foi o Dépor quen quixo ir polo partido.

Algo que se notou claramente na segunda parte, onde os coruñeses gañaron visión, con Çolak xa no campo, O penalti fallado de Lucas non derrubou o Dépor, que non se permitiu o luxo de virse abaixo e continuou procurando a vitoria até o final. Non foi desta mais o Deportivo foi outra cousa neste encontro. Agora cre.

Ficha técnica:

RC Deportivo (0): Rubén, Juanfran, Schär, Bóveda, Luisinho, Guilherme, Pedro Mosquera (Muntari, min. 82), Lucas, Adrián, Fede Cartabia (Emre Çolak, min. 65) e Andone (Borja Valle, min. 89).

RCD Espanyol (0): Diego López, Víctor Sánchez, David López, Óscar Duarte, Aarón, Darder, Carlos Sánchez, Granero (Marc Navarro, min. 80), Léo Baptistão (Sergio García, min. 69), Gerard Moreno e Piatti (Jurado, min. 74).

Árbitro: Fernández Borbalán. Amoestou (min. 17), Pedro Mosquera (min. 33), Víctor Sánchez (min. 42), Schär (min. 60), Fede Cartabia (min. 62) e Bóveda (min. 83).