O Santiago Futsal busca vivenda na Coruña

O Santiago Futsal busca vivenda na Coruña
Afogado polas débedas, a equipa compostelá ten que facer as maletas “para atopar liquidez”

Abafado polas débedas, o Santiago Futsal está a pensar seriamente en abandonar Santiago de Compostela e en mudarse a outra cidade galega. Todo apunta a que A Coruña será a elixida. Tras un encontro co concelleiro de deportes coruñés, Francisco Mourelo, o Santiago Futsal toma alento, motivado pola inclinación ao diálogo que amosou esta corporación canto ao traslado do conxunto compostelán á cidade herculina.

En declaracións a Sermos Galiza, Ramón García, presidente do antigo Autos Lobelle, manifestou que “pese a non haber nada pechado, este interese, era unha boa noticia para a equipa” e que a súa decisión se coñecería “en menos dun mes”.

Malia todo, o seu director xeral, Miguel Fernández, admitiu a este xornal que “o primeiro obxectivo do clube” era permanecer en Compostela, “inda que sexa cun orzamento moito menor”, e destacou “os enormes esforzos da afección” para evitar o traslado mediante a campaña ‘FutSalvación’.

Tras barallar a posibilidade do seu desprazamento a Vigo, a directiva inclinouse pola opción da Coruña, dado a cantidade de equipas que a cidade olívica mantén na primeira categoría, coma é o caso do rugby, o fútbol ou o balonmán e a consecuente “saturación das instalacións deportivas”.

Conscientes de estaren nas lindes da “desaparición”, o conxunto compostelán que é o sexto clasificado na liga estatal, bate nas portas do concello coruñés ante a “dificultade de atopar liquidez en Santiago”. Abandonado pola corporación municipal da capital da Galiza e debido a falta de apoio do seu tecido empresarial, o conxunto ficou lastrado por unhas débedas arrastradas dende a época do seu antigo presidente, o histórico fundador José Antonio Lobelle.
A nivel deportivo, “despois dunha liga na que se mantivo unha media de catro lesionados por encontro”, o seu presidente mantén unhas expectativas “moi altas”, ao contaren no fin da temporada coa equipa ao completo.