OS LUCENSES TIVERON O TRIUNFO NA ÚLTIMA XOGADA

O Obradoiro supera en Fontes do Sar ao Breogán (75-73) no derbi galego da ACB

O Obradoiro supera en Fontes do Sar ao Breogán (75-73) no derbi galego da ACB
Obradoiro
Obradoiro  

O Monbús Obradoiro conseguiu a vitoria no derbi galego da ACB ao se impor por dous puntos (75-73) a un Cafés Candelas Breogán que tivo o derradeiro lanzamento dun partido que reuniu no Multiusus Fontes do Sar perto de seis mil persoas.

O encontro tivo varias fases. A primeira, no período inicial, estivo dominada polos locais, que chegaron a dispor dunha renda de 12 puntos (21-9) ao seu remate. Na reanudación, o Breogán saíu máis centrado, defendeu mellor e, aproveitando que o Obradoiro estaba cargado de faltas, puido recurtar a diferenza até os catro puntos antes do lecer (33-29). 

A segunda parte decorreu por vieiros similares á primeira. O Obradoiro estivo mellor no terceiro período, que se pechou cunha diferenza de nove puntos ao seu favor, renda que aumentaría até os 16 nos primeiros momentos do último cuarto. Nese intre, os composteláns superaban o basquetaverage que o Breogán conseguira na primeira volta da competición (+13), mais a partir dese momento o enfrontamento se foi decantando para os visitantes, que empataron cando só restaban trinta segundos para o fin do choque. O xogador local Obst encestou nunha entrada a canastra e os lucenses dispuxeron da última xogada para acadar a vitoria. Tívoa Cvetkovic na súa man, mais o seu lanzamento forzado desde a tripla non entrou e o triunfo quedou no Sar. 

Obradoiro 75: Sàbat (6), Vasileiadis (16), Singler (2), Llovet (16) e Brodziansky (17) -cinco inicial-. Simons, Obst (14), Navarro, Spires, Hlinason (4) e Pozas.

Breogán 73: Christian Díaz, Millsap (5), Vidal (5), Gerun (14) e Alec Brown (15) -cinco inicial-. Cvetkovic (1), Uriz (7), Lofberg (10), Arco (5), Belemene, Sulejmanovic (15) e Redivo (7).



x