Onde estivo este Dépor o resto do campionato?

Onde estivo este Dépor o resto do campionato?
Lucas lamenta un erro
Lucas lamenta un erro  

O Dépor non conseguiu a vitoria, mais selou un partido desbocado, febril, un xogo a tumba aberta, sen concesións. Nunca o taboleiro de marcas foi máis cruel cunha equipa. O 0-0 é un resultado extraterrestre, marciano, nada a ver co que sucedeu sobre o verde. O empate é insuficiente e convoca o espectro do descenso, mais estrañamente o Dépor está vivo. O que é incomprensíbel é que demorase 30 partidos en xogar así.


A grande pergunta é por que este Dépor non compareceu nos primeiros 30 capítulos do campionato. Esa cuestión terá que achar resposta na hora do balanzo. O Dépor demorou de máis en aparecer co seu rosto actual -unha equipa que si compite, unha equipa que si está comprometida-, unha eternidade de partidos -até quince consecutivos sen conseguir a vitoria- que moi probabelmente irá abocar a equipa coruñesa a un doloroso descenso de categoría. Algo que se xulgamos o potencial do combo agora treinado por Seedorf -e antes por Mel, e antes por Cristóbal- parecería inconcebíbel.

Non estaba Riazor este serán para axustar contas, estaba para ser un xigantesco alento -máis de 24 mil gorxas- para unha escadra que acababa de encadear dúas vitorias consecutivas, un fito non alcanzado desde 2015. O partido era moi exixente, fronte ao finalista da Copa do Rei, unha equipa nível Champions. Non veu a se pasear por Riazor. Non houbo carrusel de rotacións. O Sevilla si foi un grupo recoñecíbel, con algúns futebolistas que honran este xogo, tipos como Navas ou Banega, deses que nun campo ven o que a maioría no ve, deses que son quen de matar un partido nun rapto de inspiración, mentres o rival queima os músculos en van.

A primeira parte gobernouna o compás de Banega. A posesión foi sevillista. O Dépor fiouno todo ás contras de Lucas. O de Monelos desbaldiu até a última pinga de suor. Mais tampouco foi este o seu xogo. Hai como unha aceleración ansiosa en cada unha das súas accións, a crispación de quen non acaba de achar acougo. E sen relaxarse un chisco -sen baixar algo as revolucións- ás veces non se acerta a pensar con clareza. Ás veces a entrega non é abondo.

Na segunda parte, o Dépor tivo momentos de ciclón. O Sevilla cedeu o leme. O partido virou tolo. Oportunidades moi claras en ambas áreas. Ora tormento, ora gloria. David Soria e Rubén Martínez a se reivindicaren. Mosquera a mostrar que o seu non é pór a bola dentro da portería contraria. E Lucas, como bon solista, tivo os seus momentos de se dirixir ao público. El e Riazor. Eles sós. Nada máis. O partido perfeito para alguén que, como el, é un monologuista consumado, el contra o mundo. Mais non. Esta non é a súa temporada. Non lle acaban de saír as cousas. Mágoa.

Non faltou de nada nun último cuarto de hora para a historia, a electricidade dun thriller en Riazor, un taboleiro de marcas que se obstinaba con mostrar un 0-0 ilexíbel para o público, as bancadas emocionalmente á beira do colapso cun acelerón final en que houbo de todo, até a inevitábel bola deportivista a beixar un dos paus da portería sevillista, un clásico da era de Clarence Seedorf.

Tempo haberá para unha análise demorada da xestión do treinador holandés. Bon psicólogo, bon motivador. Mais este serán non acertou cos trocos. Bakkali? En serio? Por que non o enrachado Borja Valle? E, sobre todo, por que non deu un relevo a un afogado Lucas Pérez nos últimos 10 minutos de xogo? Por que non puxo Andone sobre o relvado de Riazor?

Este Dépor capaz de competir contra unha equipa Champions existía en potencia, mais en acto non apareceu até hai apenas tres partidos. É moi probábel que fose tarde de máis.