Indignación na afección do Celta por acoller a sede do club un acto do PP a favor da unidade de España

Indignación na afección do Celta por acoller a sede do club un acto do PP a favor da unidade de España
Imaxe dun acto no Salón Regio da sede do RC Celta.
Foto: RC Celta
Imaxe dun acto no Salón Regio da sede do RC Celta. Foto: RC Celta  

Seareiros e seareiras, socios e socias e peñas manifestaron nas redes sociais o seu malestar co feito de que o Salón Regio da sede oficial do RC Celta albergue esta quinta feira un mitin españolista de Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo.


“Vergoña”, “noxo”, “danme ganas de darme de baixa como socio”, “lamentábel”, “patético”… Estes son apenas uns exemplos da manchea de opinións e críticas de afeccionadas e afeccionados celtistas que nas últimas horas corren polas redes sociais após se coñecer que a sede do RC Celta vai acoller esta quinta feira, 14 de febreiro, un acto do PP. En concreto, un acto no que participarán o presidente do partido español Pablo Casado e o presidente da Xunta Núñez Feixoo para defender “a unidade de España”.

pp celta

Pode a sede oficial dun club de fútbol ser escenario para que un determinado partido político faga o seu discurso, embora sexa nun recinto que se alugue para actos externos? Esta é unha das preguntas que circula pola rede. Outra interrogante que corre polas redes sociais é como pode ser que un club fundado en 1923 coa intención clara (plasmadas desde as cores elixidas até o nome) de representar a Galiza poida acoller un discurso que encobre unha centralización que asolaga esa esa identidade? Mesmo hai quen afirma que o acto desta quinta feira é antagónico co espíritu dun club como o Celta, plasmado en feitos como que en 1977 os seus xogadores saltaran ao campo de Balaídos portando unha gran bandeira galega para reivindicar o dereito de Galiza a se autogobernar.

“Vergoña absoluta, Mouriño arrastrando o nome do RCCelta”, lamentaba un seareiro. Desde peñas como Centolos Celestes escribían: “En fin, que pouco sentidiño temos para algunhas cousas... #XaSonGañasDeMontala”. "Que pensarían hoxe os fundadores galeguistas do #Celta no 1923 se visen que na sede que se dí de todos acolle unha charla sobre a unidade do estado español?", pregúntanse desde o Colectivo Nós. 

“Menudo xeito de arrastrar o escudo”, denunciaba un afeccionado, e non faltaba quen apontaba a través das redes sociais a necesidade de organizar unha “resposta” a ese acto con proposta de lema incluído ("Fachas fóra sempre"). "Mouriño dimisión" foi outra das demandas estendidas nestas horas. Porén, outras voves apuntan a que ese recinto pode ser alugado para actos e eventos externos.



x