Paciência deixa o Depor nunha situación desesperada

Paciência deixa o Depor nunha situación desesperada
Ex-adestrador do Depor
Ex-adestrador do Depor  SG
Fernando Vázquez é a aposta galega de Lendoiro para salvar o Deportivo. Domingos Paciência deu a espantada esta mañá, embora se comprometese o sábado a continuar no banquiño. Abandona o Deportivo cun balanzo desolador. 1 vitoria, 1 empate, 4 derrotas.

4 pontos sobre 24 posíbeis. Ese é o balanzo de Paciência na súa efémera pasaxe polo Deportivo. O treinador luso interpreta que a situación da equipa é deportivamente desesperada, sen opcións reais de permanencia. Por iso abandona. Faino despois de manter unha reunión de urxencia esta madrugada con Lendoiro, embora o pasado sábado se comprometese a continuar na equipa, nunha outra xunta realizada nun despacho do estadio de Riazor, mentres as rúas adxacentes ao campo ardían con incidentes e cargas policiais.

Após 23 encontros, o Deportivo totaliza 16 pontos. Debería sumar 26 dos 45 pontos en xogo no que fica de campionato para selar a súa continuidade na elite. Paciência non consideraba capacitada á equipa para tal proeza. Con el no banquiño, o Deportivo non mellorou en nada as súas prestacións defensivas (en teoría a especialidade do treinador luso) e, por contra, perdeu boa parte da súa potencia ofensiva. Con el no banquiño, Valerón voltou ao ostracismo da etapa Lotina e Juan Domínguez apenas foi convocado.

Fernando Vázquez ten un discurso futbolístico nas antípodas do de Paciência. Gosta da elaboración e de marcar o ritmo do xogo, con vocación ofensiva. Porén, é quen de fornecer ás súas equipas de maior rigor defensivo do que imprimía Oltra, o técnico que levou ao Deportivo ao ascenso, mas que foi incapaz de estabilizar a equipa xa na Primeira Division.

O treinador galego (Castrofeito, 1954) viveu os seus maiores días de gloria nos banquiños do Compostela e do Celta, ao que clasificou para a UEFA. Desde 2007 non adestra ningunha equipa.

Fernando é, alén do máis, seleccionador galego de fútebol. Con el no banquiño, e con Arsenio ao seu carón, Galiza voltou á area internaciona. Aconteceu en 2005, fronte Uruguai.

A chegada do PP á Xunta de Galiza impediu que Fernando puidese continuar a dirixir unha selección galega que, [email protected] conservadores no poder, non tivo opción de voltar a xogar.