EMPATE A CEROS

Os “perigosísimos elementos” vetados en Leganés a seareiros do Celta

Os “perigosísimos elementos” vetados en Leganés a seareiros do Celta
[Imaxe: Colectivo Nós] A bandeira e a bufanda requisadas
[Imaxe: Colectivo Nós] A bandeira e a bufanda requisadas  

Bandeiras e bufandas con simboloxía galega voltaron a ser vetadas nun campo de fútbol. Desta vez, en Leganés, antes do partido que disputaba o equipo local co Celta de Vigo e que rematou cun empate a cero.


O de Butarque, en Leganés (Madrid), foi o último estadio en que se requisaron bandeiras e bufandas con simboloxía galega. O Colectivo Nós, de seareiros e seareiras do Celta, denunciábao a través das redes sociais, onde amosaba “os periogosísimos elementos” requisados pola seguridade do C.D. Leganés.

Vetaron nesta ocasión a bandeira do propio colectivo, que fai súa a serea deseñada por Castelao, co escudo do Celta en lugar do “Denantes mortos que escravos” e coa lenda “Colectivo Nós. Sempre Celta” e mais a bufanda da peña, que recolle o nome “Nós” e unha estrela vermella no centro e a serea e mais a faciana do autor do Sempre en Galiza nos extremos.

Sermos Galiza púxose en contacto co afeccionado ao que lle requisaron a bandeira e mais a bufanda do Colectivo Nós. "Á entrada do estadio cacheáronme, levaba unha mochila con dous chisqueiros dentro, a bandeira e a bufanda de Nós. Informáronme de que tiña que deixar, por seguridade, os chisqueiros na entrada e déronme un ticket para os recoller na saída e entrei sen problema ningún", relata.

Unha vez situado na grada, a seguridade do Leganés dirixiuse a el e pediulle que regresase ao punto de control da entrada coa bandeira. "Dixéronme: baixa coa bandeira, esta bandeira non pode pasar e ten que quedar aquí". "A bufanda quedárame no arriba, no asento, e cando me requisaron a bandeira preguntáronme pola bufanda, contestei que a deixara na grada e obrigáronme a ir buscala. Tamén queda aquí, dixeron, sen máis explicación", lamenta o afeccionado do Celta, "simplemente me comunicaron que non podían deixar pasar nin a bufanda nin a bandeira".

O seareiro sinala, en declaracións a Sermos Galiza, que é a primeira vez que lle requisan a bandeira e a bufanda do Colectivo Nós. "Vetáranme a bandeira da Patria en estadios como o Bernabeu [en Madrid], en Almería e en Sevilla, no Pizjuán. De feito, como xa imaxinaba que non ma deixarían meter no campo, deixeina quedar onte no asento do bus", engade.

No estadio do Leganés ondeaban onte bandeiras españolas entre a afección local. O seareiro celeste teno claro: "existe un veto á simboloxía galega e aos do Celta mírannos sempre con lupa".

Nos últimos meses, contáronse por ducias os casos de afeccionados e afeccionadas galegas que viron como se lles vetaba a simboloxía galega en estadios españois e non só. Tamén no propio Balaídos, en Vigo, e en Pasarón, onde o Pontevedra C.F., presidido pola deputada do PP Lupe Murillo, ordena a confiscación das bandeiras da Patria, veto que foi denunciado polo BNG no Parlamento.