A policía non atopa nos móbiles dos ultras atléticos mensaxes que avalen a suposta “quedada” cos blues

A policía non atopa nos móbiles dos ultras atléticos mensaxes que avalen a suposta “quedada” cos blues
Policías con detidos. Foto Efe.
Policías con detidos. Foto Efe.  

O programa de Deportes Al Primer Toque, de Onda Cero, afirma que, segundo lle comunicaron fontes policiais, “o Frente Atlético e Riazor Blues non quedaron para pelexar previamente vía Whatsapp”. A policía continúa sen deter os responsábeis directos de causar a morte a Jimmy.


A policía incautou smartphones a ultras atléticos. Ningún deles contén ningunha mensaxe dirixida aos blues para citarense o domingo á mañá nas imediacións do Vicente Calderón. Esta información dada por fontes policiais ao programa de Onda Cero reafirma o contido do atestado policial realizado no día de onte: non hai constancia de que houbese “quedada” algunha.

Desde o primeiro momento, os riazor blues teñen negado que combinaran un encontro co Frente Atlético.

Nunha entrevista na Cope Coruña, o condutor dun dos 2 autobuses cos que se deslocaron a Madrid os blues negou que estes transportasen armas brancas ou barras de ferro, o que avalaría a tese de que en ningún momento se dispuñan a tomar parte nunha contenda cos neonazis do FA.

A policía si dixo a Onda Cero que os ultras atléticos se intercambiaron mensaxes para, eles si, citárense perto do estadio en previsión da chegada dos autobuses coruñeses. Entre os textos que circularon por whatsupp figura un pretensamente emitido pola dirección do FA: “Quedamos ás 7 no lugar habitual. Sede puntuais. Prietas as filas [un coñecido retrouso do fascismo español]. Atleti ou morte”.