DENUNCIAS DE ESCULCA

O Pontevedra C.F. ordena confiscar bandeiras da Patria

O Pontevedra C.F. ordena confiscar bandeiras da Patria
[Imaxe: Futgal] Lupe Murillo e no centro, Rafael Louzán, presidente de Futgal e ex presidente da Deputación de Pontevedra
[Imaxe: Futgal] Lupe Murillo e no centro, Rafael Louzán, presidente de Futgal e ex presidente da Deputación de Pontevedra  

Bandeiras da Patria requisadas e as súas portadoras e portadores sancionados. Isto é o que acontece, segundo denuncia Esculca, no Pontevedra C.F. por orde da súa presidenta, Lupe Murillo, parlamentar do PP no Hórreo.


Censura e arbitrariedade no Pontevedra Clube de Fútbol, presidido por Lupe Murillo, empresaria e deputada do PP no Parlamento de Galiza. É o que denuncia Esculca, que advirte de que a dirixente do clube ordenou confiscar todas as bandeiras da Patria e sancionar as persoas que as exhibiren.

“Nos accesos ao campo, os traballadores da empresa de seguranza privada contratada polo clube dedícanse a levar a cabo inspeccións corporais e preguntar a siareiras e siareiros se levan algunha bandeira constitutiva de delito”, denuncia o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades.

Na temporada presente foi sancionado un seareiro por portar unha bandeira de Galiza e aínda o domingo 7 de abril un seguidor foi ameazado por levar unha bandeira comunista.

500 euros de multa

Na temporada 2017-2018, un mozo fora sancionado con 500 euros de multa e coa prohibición de acceder a un recinto deportivo durante tres meses por levar unha bandeira da Patria, mais este caso non foi o único e desde 2016 véñense producindo casos semellantes. É algo que tamén acontece coas outras nacións sen Estado.

De feito, na fase de ascenso á segunda división, no encontro que enfrontaba en Pasarón o Pontevedra CF e o Real Murcia, diversas persoas foron ameazadas de expulsión e sanción por exhibiren bandeiras galegas –coa estrela ou coa serea de Castelao–, bandeiras das nacións celtas, bandeiras da República Árabe Siria e mesmo bandeiras do colectivo ‘Que Voltem para a Casa’, advirte Esculca.

“Curiosamente, nese mesmo xogo, as bandeiras do Reino de España e as bandeiras con símbolos militares que portaban seareiros do Murcia non foron confiscadas e puideron ser exhibidas sen problemas”, engade o observatorio.