O PP defende, máis unha vez, o veto a bandeiras nacionalistas galegas nos estadios

O PP defende, máis unha vez, o veto a bandeiras nacionalistas galegas nos estadios
'Estreleiras' en Pasarón
'Estreleiras' en Pasarón  

O deputado Jacobo Moreira considera que “non teñen sitio” nunha actividade como o deporte que “une”. O Parlamento debateu unha PNL do BNG que pedía unha condena á prohibición destas bandeiras no estadio de Pasarón.


O pasado mes de abril denunciábase unha nova censura a bandeiras nacionalistas galegas nun estadio de fútbol. Desta volta a denuncia facíaa Esculca e o campo era o de Pasarón, onde xoga o Pontevedra FC. “Nos accesos ao campo, os traballadores da empresa de seguranza privada contratada polo club dedícanse a levar a cabo inspeccións corporais e preguntar a seareiras e seareiros se levan algunha bandeira constitutiva de delito”, denunciaba entón o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades.

Esta semana a comisión Institucional e de Xustiza do Parlamento da Galiza debatía una proposición non de lei presentada polo BNG, e apoiada polo resto da oposición, na que se instaba a Cámara galega a condenar a prohibición de que estas bandeiras podan estar nos recintos deportivos da Galiza.

O deputado do PP, Jacobo Moreira, porén, defendeu que os “símbolos políticos” non teñen cabida nos estadios, incidindo en que o deporte é una actividade que “une”. Apoiou que a presidenta do Pontevedra FC adopte estas medidas, indicando que terá os seus motivos. Non é a primeira vez que o Partido Popular ou o propio goberno galego defenden este tipo de posicionamentos a respecto desta bandeira. 

Luis Bará, deputado nacionalista, criticou a noción de “democracia” do PP e lembrou que no Manual de simboloxía no deporte editado pola Comisión estatal contra a violencia, xenofobia e racismo no deporte non figura a coñecida como “estreleira” mais si abondosas bandeiras e emblemas fascistas.