O DÉPOR CEDE 2 PONTOS ANTE O NUMANCIA

Profecía autocumprida en Riazor

Profecía autocumprida en Riazor
Eneko Bóveda lamenta o seu erro nun disparo a porta
Eneko Bóveda lamenta o seu erro nun disparo a porta  

As mensaxes que emitía durante esta semana o vestiario do Dépor delataban certo estado de ánimo, non precisamente o que predispón para as vitorias. A idea básica é que a xeira triunfante en Riazor —até este sábado só voaran dous puntos en todo o campionato— non ía durar taumaturxicamente sempre. Había que estar atento, en calquera momento podía chegar o tropezo. É ben cedo que o fixo. Este mesmo sábado, após desbaldir unha sustanciosa renda de 2 goles.


O discurso de non caer nun exceso de confianza levou o Deportivo a unha sorte de profecía auto-cumprida: se invocas a hipótese do tropezo, aínda que só sexa no plano puramente retórico, tes máis posibilidades de tombar e caer. Foi o que aconteceu durante esta semana. Demasiadas advertencias de que non sempre se ía gañar en Riazor. Demasiadas como para que non pesasen na mente da equipa.

E iso que a primeira media hora do choque foi o Deportivo riazoreño en estado puro. Unha equipa con moita capacidade para danar o adversario nas zonas máis sensíbeis do campo, as que lindan coa portería rival. Ben cedo, minuto 10, chegou o primeiro tanto ao taboleiro de marcas, un preciso envío do pé esquerdo de Edu Expósito á escadra da portería defendida por Juan Carlos. Aliás, o seu primeiro gol en liga como deportivista. Vinte minutos despois, un precioso regalo da zaga visitante foi oportunamente aproveitado polo sempre espelido Borja Valle para selar un 2-0 con ar de resultado xa irreversíbel para os visitantes.

Mais mesmo así había certa atmosfera rara no ambiente, como unha especie de corazonada de que en calquera momento as cousas podían vir a torcerse. En realidade, xa sabiamos que o Numancia é unha equipa afouta, que desprega o seu xogo con descaro e que tanto lle ten ser visitante como local, sempre pide a bola, sempre quere ter protagonismo no xogo. O Dépor, co 2-0, viuse gañador e caíu no erro de botar unha sonequiña antes de tempo. Confiado na fortaleza da súa liña defensiva e na solvencia do seu gardamallas, cedeu o campo e o compás do xogo ao combo soriano. E o Numancia comezou a acumular minutos de posesión, salpicados aquí e alí das primeiras aproximacións perigosas á portería coruñesa.

Na segunda metade, houbo picos en que a posesión do Numancia alcanzou 65 por cento, un rexistro que nos retrotrae ás épocas máis gloriosas do Barcelona de Guardiola. O Dépor nin cheiraba a bola. Aí comezou a perder o control da situación. A equipa coruñesa non é o Atlético de Simeone. Non é quen a vivir sen a pelota. Transfórmase noutra cousa. Perde contacto co xogo. Desaparece. Tórnase vulnerábel.

O primeiro gol visitante foi o típico gol parvo que costuma sufrir esta equipa (ben é certo que este exercicio con menos frecuencia). Co 2-1 o Dépor tivo as súas chances en xogadas de vertixe, ao contragolpe. Mais aí fallou a precisión, o pase exacto, o temple. E o esquelete do partido continuaba invariábel, co Numancia ao mando, masticando o partido, á espera dun novo golpe. Chegou no minuto 79, un balón aéreo ás costas dos centrais branquiazuis, unha bola que parece que se vai fóra, e un Diamanka que a alcanza nos fociños do pau corto da portería de Dani Giménez. 2-2.

Aínda ficaba por diante case un cuarto de hora de xogo. Mais o partido en realidade morreu aí. O Dépor aceptou fatalmente que non sempre se gaña. Que a vitoria non se pode dar sempre por suposto. E, ben, até Natxo González colaborou en que as cousas ficasen así, coa incomprensíbel decisión de, no minuto 84, retirar do campo Carles Gil, sen dúbida o futebolista branquiazul máis dotado para o último pase, para eses lances en que unha bota delicada —eis o seu maravilloso servizo a Borja Valle nunha xogada malbaratada por un disparo final sen xeito de Eneko Bóveda— é quen de furar o muro máis espeso.

Autosuxestionados ou non, os branquiazuis talvez aprenderon este sábado unha lección: os tropezos non fai falta preanuncialos, acostuman chegar eles sós sen necesidade de seren invocados.

Deportivo: Dani Giménez; Bóveda, Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl García; Vicente Gómez, Pedro Mosquera (Álex Bergantiños, min.66), Edu Expósito (Krohn-Dehli, min.79); Carles Gil (Christian Santos, min.84); Quique González e Borja Valle.

2-CD Numancia: Juan Carlos; Unai Medina, Pichu Atienza, Carlos Gutiérrez, Marc Mateu; Diamanka, Escassi, Fran Villalba; Yeboah (Kako Sanz, min.89), Higinio (Borja Viguera, min.58) e Nacho (Alain Oyarzun, min.46).

Goles: 1-0, min.10: Edu Expósito. 2-0, min.29: Borja Valle. 2-1, min.59: Unai Medina. 2-2, min.78: Diamanka.

Árbitro: Arcediano Monescillo. Expulsou por dupla amoestación Saúl (m. 92) e mostrou tamén cartón amarelo a Vicente Gómez (m. 87).



x