60 MINUTOS CUN FUTBOLISTA MENOS

Un punto premia a resistencia do Lugo en Almería

Un punto premia a resistencia do Lugo en Almería
Un lance do encontro
Un lance do encontro  

Non é nada doado o campo do Almería. O Dépor sobreviviu case de milagre, grazas a unha isolada acción do sempre talentoso Fede Cartabia. Pois ben, nese cenario hostil o Lugo selou un acto heroico: conseguiu un empate após xogar en inferioridade numérica durante 60 minutos.


Mal comezou a cousa para o Lugo en Almería, posto en desavantaxe no taboleiro de marcas no minuto 7, axusticiado por un fenomenal disparo desde fóra da área co selo do coruñés Juan Carlos. Non era precisamente o mellor dos mundos. O Lugo víase obrigado a abrir liñas demasiado cedo, co conseguinte risco aos contra-ataques letais do combo andaluz. Mais a equipa de Monteagudo non engruñou e puxo no albo a meta rival. Abeirou o gol ben axiña, cun venenoso disparo de Escriche. E conseguiu reequilibrar o partido no 19, cun penalti executado por Christian Herrera, após un claro derrubo de Josete na área local.

Todo mudou no minuto 35, coa expulsión, por duplo cartón amarelo, de Luís Ruiz. Ficaban 60 minutos por diante no campo dun dos rivais co cairo máis afiado do campionato. Tocaba acantonarse en defensa, así que Monteagudo prescindiu de Escriche, con José Carlos a asumir funcións de zapa na retagarda. Tocaba fechar espazos e multiplicar axudas. Tocaba tamén agardar a que os locais non tivesen o seu día, como non o tivo Saveljich, que estrelou unha cabezada na cruceta. Tocaba non morrer nos minutos do pánico final, coas pernas xa agarrotadas polo estrés e o cansancio. Nese tramo decisivo un Almería desquiciado acabaría tamén con 10 homes, ao ser expulsado no minuto 88 o recén ingresado no campo Sekou por agresión a Vieira.

O Lugo con 10 homes estivo perfecto, 60 minutos sen erros. O premio foi un punto que no plano ánimico vale por tres. A equipa, con Monteagudo á frente, continúa progresando adecuadamente.

UD Almería: René; José Romera (Chema, min. 63), Owona, Saveljich, Iván Martos; Yan Eteki (Narváez, min. 63), De la Hoz, Corpas, Luis Rioja; Juan Carlos e Álvaro Giménez (Sekou, min. 84).

CD Lugo: Juan Carlos, Campadabal, Vieira, Josete, Luis Ruiz; Seoane, Azeez, Juan Muñiz (Jona, min. 65), Lazo (Campillo, min. 70); Cristian Herrera e Escriche (José Carlos, min. 46).

Goles: 1-0, min. 7: Juan Carlos; 1-1, min. 19: Cristian Herrera, de penalti.

Árbitro: Soto Grado, do colexio rioxano. Expulsou Luis Ruiz, do Lugo (min. 36), por dupla amoestación, e Sekou, do Almería (min. 88), por cartón vermello directo. Cartóns amarelos a  Owona, Yan Eteki, Iván Martos y Narváez, do Almería; e José Carlos, do Lugo.

Incidencias: Partido da 18ª xornada da Liga 1/2/3 disputado no Estadio dos Xogos Mediterráneos ante 6.160 persoas.