Quen foi o primeiro galego en marcar nun mundial?

Quen foi o primeiro galego en marcar nun mundial?
Pedro Cea marca contra Yugoslavia no Mundial de 1930. 
Foto: wikipedia
Pedro Cea marca contra Yugoslavia no Mundial de 1930. Foto: wikipedia  

O decisivo gol de Iago Aspas perante Marrocos non foi o primeiro que un xogador galego mete nunha Copa do Mundo de fútbol. Hai que botar a vista atrás, a hai 52 ou 88 anos, que até niso hai debate, para seguir os rastros do primeiro tanto con selo galego.


O veto a que a selección galega poida competir oficialmente impide que  ‘A Irmandiña’ teña a posibilidade de estar presente en copas de Europa ou do Mundo de fútbol, algo que si poden facer seleccións doutros países que, embora non ter estado, posúen combinado nacional desde case a propia orixe deste deporte.

O que si hai nos mundiais son xogadores galegos. Neste, Rusia 2018, hai dous: Lucas Vázquez (Real Madrid) e Iago Aspas (Celta de Vigo), ambos os dous coa selección española. O gol que o de Moaña marcou contra Marrocos esta segunda feira en tempo de desconto e que axudou a esa selección a pasar á seguinte fase como primeira do seu grupo non é o primeiro tanto que marca un galego nun mundial. É, iso si, o primeiro validado co xa famoso VAR.

Houbo, logo, goles de galegos nos mundiais? Houbo. Non moitos, certo, e non sempre para a mesma selección. Mais hóuboos.

amancio amaro

O primeiro gol galego na historia dos mundiais vén con polémica incluída. Leva a sinatura de Pedro Cea e marcouno coa selección uruguaia. Cea era galego de cerna, o que está en discusión é se era de berce. Unha parte dos investigadores e fontes sinalan Redondela como o seu lugar de nacemento. Mais outros, e ben documentados, apontan Arroyo Seco, na actualidade un barrio de Montevideo, como o lugar onde Cea veu a luz, se ben recoñecen que con ‘ascendencia’ galega. Ninguén quere renunciar a un dos mellores xogadores da historia en Latinoamérica: 43º mellor futbolista sudamericano do séxulo XX segundo a Federación Internacional de Historia e Estatística de Fútbol

Pedro Cea gañou coa selección uruguaia 2 Olimpiadas e 1 copa do mundo, a de 1930, competición onde marcou 5 goles. Un deles na final contra Arxentina, un tanto decisivo para emproar a remontada ‘charrúa’ fronte a Arxentina e meter no peto a vitoria que deu a Uruguai o seu primeiro mundial. Nesa selección militaba Lorenzo Fernández, ‘Gallego Fernández’, outro xogador en torno  ao cal tamén hai debate sobre se naceu en Galiza (tamén en Redondela) ou en Montevideo.

Inglaterra 1966

Para atoparmos outro gol galego nun mundial hai que dar un salto a 1966, á Copa do Mundo de Inglaterra. Levou o selo de Amancio Amaro, que anotou o tanto da vitoria para a selección española perante Suíza (2-1). Naquel combinado había 5 xogadores galegos, unha cifra que non se volveu acadar: ademais de Amancio estaban Luis Suárez, Armando Ufarte, Severino Reija e Marcelino.

A concentración para preparar aquel Mundial realizouse en Santiago de Compostela, elixida para a ocasión pola súa pluviosidade, para adaptarse así mellor ao clima das Illas Británicas. As crónicas din que non parou de chover na capital galega  mentres a selección española preparaba o Mundial. Cando ‘La furia'’ (daquela os medios franquistas chamábanlle así) desembarcou en Inglaterra para disputar a Copa do Mundo atopou temperaturas de 30 graos.

aspas españa foto da RFEF

Rusia!

Un dos galegos nesa selección española era Marcelino. O de Ares xogou no Racing de Ferrol e no Zaragoza. Foi quen marcou o definitivo gol que deu a vitoria a España na final da Europcopa 64 desputada contra a Unión Soviética (2-1). Un gol do que o franquismo non cansou de presumir por ser ante o seu ‘demo negro: Rusia. E contra a anfitrioa Rusia enfrontarase este domingo, 31 de xullo, a selección española.

Mundial de Italia

O primeiro futbolista galego en xogar un Mundial coa selección  española foi González Valiño ‘Chacho’, en 1934: o Mundial de Italia. González Valiño xogou no Deportivo da Coruña e no Atlético de Madrid.

A primeira competición oficial da selección española foi en 1920, nos Xogos Olímpicos de Amberes. Naquela equipa había dous galegos: Luís Otero e Moncho Gil, os dous do Sporting de Vigo. Otero militaría despois en clubs como o Celta e o Dépor; mentres que Gil circunscribiu a súa traxectoria ao Celta.

Nota: Correxiuse por errónea a sede que nun primeiro momento se citaba para os Xogos Olímpicos, Amsterdam, para poñer a correcta: Amberes. Grazas ao comentario dun lecto que nos advertiu do erro.

Imaxes interiores: Amancio Amaro (wp) e Iago Aspas (RFEF).