Requisa de ‘estreleiras’ a seareiros do Compostela no estadio de San Lázaro

Requisa de ‘estreleiras’ a seareiros do Compostela no estadio de San Lázaro
Seareiros do Compos nunha imaxe de arquivo
Seareiros do Compos nunha imaxe de arquivo  

Malestar entre afeccionados compostelanistas pola medida, adoptada no play off de ascenso que se desputou contra o Espanyol B.


O Compostela xogaba este domingo no estadio de San Lázaro contra o Espanyol B o partido de ida do play off de ascenso a Segunda B, que finalizou con empate a cero. Afeccionados da equipa branquiazul denuncian que se lles impediu o acceso ao estadio con bandeiras galegas coa estrela vermella, nunha decisión que, indican, é inédita: “Non lembro que se fixera iso algunha vez e se se fixo tivo que ser hai moitos anos ”, afirma un seareiro, en referencia á prohibición de acceder ao estadio de Compostela “con simboloxía nacional”.

Estes seareiros apontan que foron axentes da Policía española que vixiaban os accesos os que deron indicacións e ordes á seguridade do club ‘picheleiro’ para que non se permitise acceder ao recinto coa bandeira galega coa estrela vermella. Porén, indican os afeccionados compostelanistas, foron quen de meter unha faixa dunha peña que, no seu centro, ten unha destas bandeiras.

Esta actuación xerou malestar entre estes afeccionados, que advirten que de se repetir esta situación, prohibir acceder ao estadio do Compos con ‘estreleiras’, eles non entrarán no reinto: “Ou entran as bandeiras ou non entramos nós”.

Non é a primeira vez que afeccionados de equipas galegas ven como se lles incauta ou requisa este tipo de bandeiras, mais este tipo de feitos prodúcese cando a súa equipa [Celta, Dépor, Lugo...] xoga fóra de Galiza, non nos seus propios estadios, onde ver a simboloxía nacional é frecuente.



x