TAMÉN VETARON AS BANDEIRAS GALEGAS

Requísanlle as bufandas á peña “Nós” no Bernabeu

Requísanlle as bufandas á peña “Nós” no Bernabeu
bufanda nos
bufanda nos  

O persoal de seguridade do estadio Santiago Bernabeu, onde na tarde do sábado se disputou o encontro entre o Madrid e o Celta, requisoulles as bufandas a membros da peña “Nós” e vetoulles a entrada ao campo a persoas que portaban bandeiras galegas.


A catro membros da peña “Nós” –creada ao abeiro do regulamento e recoñecida polo Celta e pola Federación de Peñas- requisáronlles as bufandas oficiais deste colectivo cando se dispuñan a acceder ao estadio. O motivo esgrimido polo persoal de seguridade do Bernabeu foi, segundo sinala a peña en declaracións a Sermos Galiza, a “simboloxía”.

O colectivo, que anuncia protestos ao respecto, salienta que “cumprimos todos os requirimentos e normativas, non somos ningún grupo violento, e mesmo lle comunicamos ao Celta a nosa presenza no Bernabeu polas canleas legais habilitadas”. “Aínda así nos requisaron as bufandas”, lamenta a peña, que tamén informa de que a seguridade do estadio do Madrid vetou o paso a persoas que portaban a bandeira galega.

Esta cuarta feira un afeccionado do Celta foi expulsado de Balaídos pola seguridade do estadio por exhibir unha bufanda da peña “Celtarras”. O propio afectado denunciou que o persoal de seguridade considerou que portar unha bandeira deste colectivo representaba unha exaltación do terrorismo.

Cada vez son máis as denuncias de afeccionados e afeccionadas ao non permitírselles a entrada aos campos con calquera elemento que identifique as nacións do Estado.