DÉPOR-ELCHE: 4-0

Riazor: hai veces en que todo sae ben

Riazor: hai veces en que todo sae ben
Carlos Fernández celebra o seu segundo gol, con Bergantiños a levantar os brazos no fondo da imaxe
Carlos Fernández celebra o seu segundo gol, con Bergantiños a levantar os brazos no fondo da imaxe  

Si, Riazor viviu unha desas rarezas dun triunfo sen sufrimentos. Todo saíu até mellor que na pizarra de Natxo González. O treinador vasco non podía ter pintado nela a obra de arte que o dianteiro sevillano Carlos Fernández regalou á freguesía branquiazul no 2-0. Slalon, duplo caneo e finalización, emboque polo pau corto, o gardamallas a se deitar cara ao longo, xogada que de ter sido asinada por Messi ou Ronaldo daría a volta ao mundo.


Ben a defensa, soberbios os laterais Saúl e David Simón na proxección ofensiva, ben Bergantiños na contención (a combinación é outra historia), espléndido Edu Expósito, con ganas de marcar territorio, como interior dereito, correcto aínda que por debaixo do seu potencial Krohn Delhi na esquerda. Combativo Christian Santos na pelexa cos centrais rivais... e sinxelamente celestial Carlos Fernández na punta de ataque, a devolver a Riazor un hat trick que a afeizón coruñesa non gozaba desde había 10 anos.

O 4-0 non informa ben sobre o desenvolvimento do xogo na primeira media hora. Nese lapso de tempo o Elche foi un rival incómodo, pegañento, até ambicioso, con algún achegamento á portería de Dani Giménez que provocou certa inquietude nas bancadas riazoreñas. Xa o advertira Natxo González nas vésperas: había que ir a polos tres puntos, non dar por suposto que xa estaban no peto. A equipa levaba ben interiorizado o recado e moveu o balón con tranquilidade e con criterio. Nesa parcela ninguén botou de menos Didier Moreno, futebolista que, si, suda sobre o céspede mais que non dispón do manexo da bola dun Edu Expósito que, a maiores, arriscou lanzamentos a portería desde longa distancia, o rapaz viña a reclamar o que é seu.

No minuto 38 a delicada bota de Krohn-Dehli puxo un velenoso centro na área ilicitana e sen marca, lixeiramente escorado, en diagonal ao pau curto, apareceu a testa de Carlos Fernández para cravar o 1-0 no taboleiro de marcas. Non por iso o Elche deitou a toalla no chan. Continuou a súa brega.

Mais o xogo xa estaba onde o quería ter Natxo González. O Elche esticou as liñas, na procura do empate. A manta non che cobre ao mesmo tempo a cabeza e os pés, e algunhas fendas comezaron a se abrir no muro defensivo visitante. Era cuestión de tempo que o Dépor sentenciase. A asinatura da sentenza non chegou de calquera maneira. Non foi un contra-ataque vulgar e corrente. Foi unha maravilla de Carlos Fernández, un gol deses que a freguesía manterá fresco na memoria durante anos. Gol con reminiscencias de Bebeto. Un cano na área a un defensa, un quebro nunha baldosa a outro, e un pase á rede messiano cando o porteiro se venceu para o lado contrario. Obra mestra do rapaz sevillano.

Foi unha maravilla de Carlos Fernández, un gol deses que a freguesía manterá fresco na memoria durante anos. Gol con reminiscencias de Bebeto

O hat trick chegou do xeito máis inopinado. Un esvarón desgrazado de José Juan, o porteiro galego do Elche. Un deses goles parvos que adoita sofrer o Dépor en carne propia. Carlos Fernández, con todo, estaba alí porque fixo ben o seu traballo, neste caso o da presión. Estamos perante un futebolista fino, si, mais que non descoida ningunha das obrigas dun dianteiro moderno. O canteirán do Sevilla non se borra nunca do partido.

Aínda houbo máis. Borja Valle, após unha ausencia de cinco choques, tivo tempo para pór o 4-0 no taboleiro de marcas, asistencia dun Carles Gil que voltou a mostrar en Riazor que é claramente un futebolista de Primeira División, a categoría á que ruma agora co paso firme o Deportivo de Natxo González. De feito, este sábado vai durmir, á espera do que aconteza o domingo no Granada-Mallorca, na segunda praza da táboa, a que dá dereito ao ascenso directo á elite.

RC Deportivo: Dani Giménez, David Simón (Somma, min. 81), Domingos Duarte, Pablo Marí, Saúl, Edu Expósito, Álex Bergantiños, Krohn-Dehli, Carles Gil, Carlos Fernández (Pedro, min. 84) e Christian Santos (Borja Valle, min. 77).

Elche CF: José Juan, Tekio, Gonzalo Verdú (Zotko, min. 80), Neyder Lozano, Juan Cruz (Redru, min. 66), Manuel Sánchez (Nino, min. 59), Chuca, Xavi Torres, Javi Flores, Borja e Benja.

Goles: 1-0 Carlos Fernández (min. 38); 2-0 Carlos Fernández (min. 61); 3-0 Carlos Fernández (min. 63); 4-0 Borja Valle (min. 83).

Árbitro: Pizarro Gómez (c. madrileño). Cartóns amarelos a David Simón (min. 56), Nino (min. 82) e Neyder Lozano (min. 87).

Incidencias: partido correspondente á novena xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 17.159 persoass.



x