IRLANDA 2019

A selección galega masculina derrota USA Pearse e emproa o acceso á segunda fase do Mundial

A selección galega masculina derrota USA Pearse e emproa o acceso á segunda fase do Mundial
Imaxe: @selegalega
Imaxe: @selegalega  

As 'irmandiñas' caeron fronte a Toronto (7-9), ás que se volverán enfrontar esta cuarta freira polo liderado da clasificacion do seu grupo no Mundial de Fútbol Gaélico de Irlanda.


Galiza continúa competindo a un nivel moi alto no Mundial de Fútbol Gaélico de Irlanda, cita que reúne na illa 85 equipas de diferentes países até o 2 de agosto. Nos partidos da mañá desta terza feira, a selección galega masculina impúxose a USA Pearse (12-0), afianzándose así no segundo posto do seu grupo e emproando o pase á seguinte fase do Mundial. Na xornada anterior, os rapaces da 'Irmandiña' derrotaran Asia mais caeran fronte New York, unha das equipas máis potentes do mundial.

A selección galega feminina caeu derrotada fronte Toronto por 7-9, perdendo o encontro nos últimos momentos e por mor dun balón de rebote. É a primeira derrota das irmandiñas neste Mundial, no que xa derrotaron Bretaña e USA Heartland. Esta cuarta feira volveran medirse fronte a Toronto, loitando por liderar o seu grupo.

A selección galega masculina enfrontarase a outros 24 equipos onde destacan algúns tan fortes como Nova York, San Francisco, Francia, Canadá, Australia, Bretaña ou Arxentina. No feminino competirán 17 seleccións, destacando tamén as estadounidenses, Canadá, Rusia ou Francia, entre outras. O torneo estruturarase nunha primeira parte de liguiña onde os primeiros clasificados accederán logo á loita polo título mentres os demais pasarán a competir nas fases “Plate” e “Shield”. Nos próximos días sortearanse os grupos.

En 2015 a Gaelic Athletic Association (GAA) creou os xogos mundiais, que nesta terceira edición reúnen 85 equipos e máis de 1.200 xogadores e xogadoras de todas as partes do mundo. O evento acollerá unha fase “Irish” na que só xogan irlandeses que viven fóra de Irlanda e outra “Native” na que compite Galiza e outras seleccións formadas por deportistas non irlandeses