PABLO DA SILVA, ADESTRADOR DA SELECCIÓN FEMININA DE FÚTBOL GAÉLICO

“A selección galega vai ao Mundial de Irlanda cun nivel para dar a cara fronte a calquera"

“A selección galega vai ao Mundial de Irlanda cun nivel para dar a cara fronte a calquera"

Pablo da Silva é, con Santi Rodríguez, o adestrador da selección galega de Fútbol Gaélico, equipo que xunto coa masculina, participa do 28 de xullo ao 2 de agosto nos GAA World Games, Mundial que reúne en Irlanda 85 combinados e máis de 1.200 xogadoras e xogadores de todas as partes do mundo.


Da Silva debutou como adestrador da selección nacional nun encontro contra Francia que se disputou en Ourense hai máis dun ano. É, con Santi Rodríguez, o seleccionador da equipa feminina da Galiza de Fútbol Gaélico, que en apenas dúas semanas vai ter unha cita de calado en Irlanda, no Mundial de Fútbol Gaélico.

Que supón estar neste mundial para o fútbol gaélico galego?

Visibilidade, o que é moi importante. Visibilidade a nivel de selección e tamén a nivel dos clubs de Fútbol gaélico que hai no noso país e que se poden beneficiar de que a xente, con esta participación nun Mundial, se fixe neste deporte e poida interesarse nel. Ademais, axuda a dar a coñecer internacionalmente Galiza e o nivel do fútbol gaélico que practicamos aquí. O outro día estivo aquí o Coaching Manager da provincia irlandesa do Ulster, Roger Keenan, e veu como traballabamos e ficou sorprendido co nivel que había no noso país.

Canadá, Estados Unidos e Francia. Esas tres creo que van ser as principais rivais, mais nunha competición deste nivel non hai rival pequeno

Cal é o nivel co que a selección chega a este Mundial, estamos no punto óptimo?

Temos nivel para competir, para dar a cara contra a calquera. Iso é o importante, imos competir contra equipas que teñen moita experiencia e que levan anos neste deporte, mais temos claro que imos para facerlle fronte a calquera equipo.

Cal van ser as principais rivais para Galiza neste Mundial?

Penso que Canadá, Estados Unidos e Francia. Esas tres creo que van ser as principais rivais, mais nunha competición deste nivel non hai rival pequeno (ri) e todos van exixirnos moito. Canadá e Estados Unidos teñen un nivel moi alto, aí xogan descendentes de irlandeses e irlandesas e que coñecen este deporte desde sempre.

Marcádesvos algún obxectivo?

O obxectivo é competir e dar unha boa imaxe. Cada ano o nivel que hai nas competicións é máis alto. O obxectivo é, logo, medirnos a ese nivel, competir e dar a talla a nivel internacional.

Gañar o Europeo o ano pasado deixou o listón alto...

Ser campioas é unha responsabilidade. Obríganos a ter un nivel. O ano pasado conseguimos isto, agora imos tratar de ir a por todas, ir a gañar. Este ano estivemos como selección galega xogando varios partidos, contra clubs irlandeses, contra equipos con irlandeses e ingleses e a maioría gañámolos. O nivel no Mundial vai estar máis alto, claro, pero eses encontros servíronnos para ir mellorando e medrando.

A selección galega dáche unha visibilidade e unhas oportunidades moi grandes

Por que na Galiza callou tan rápido e tan ben, e entre homes e mulleres, un deporte que hai dez anos era descoñecido?

Pois non sei (ri). É un deporte moi dinámico, no que podes combinar mans e pés, é máis atractivo de ver e practicar. E traballouse moito aquí e moi duro para que este deporte se coñeza e se practique. Ë moi importante ir pouco a pouco avanzando na profesionalización e na formación.

Alexandre Sanmartín (seleccionador masculino) ten apuntando tamén á importancia da existencia dunha selección para que este deporte se asentase e estendese

Sen dúbida, é fundamental. A selección galega dáche unha visibilidade e unhas oportunidades moi grandes, porque vas competir internacionalmente.