Sisto dá ao Celta a primeira vitoria con Antonio Mohamed

Sisto dá ao Celta a primeira vitoria con Antonio Mohamed
Imaxe: La Liga
Imaxe: La Liga  

Os celestes derrotan un Levante (1-2) que acumulaba meses invicto na súa casa.


O Celta conquistou en Levante a primeira vitoria da tempada e, tamén, o primeiro triunfo con Antonio Mohamed no banco de adestrador. Os celestes impuxéronse (1-2) nun partido no que souberon moi ben tirar proveito das súas oportunidades e no que brilou, sobre todas as cousas, as gañas e talento de Pione Sisto. O dinamarqués non empezara con bo ollo esta tempada nunha parte da afección celtista, que lle achacaba desleixo e desidia mais esta segunda feira ‘redimiuse’ no Ciutat de Valéncia: un gol, unha asistencia (a Maxi Gómez) e un tiro á escadra da portería levantina.

Antonio Mohamed apenas realizou unha variación a respecto da equipa que se enfrontara ao Español: optou por Roncaglia no canto do anteirán Brais Méndez. O Celta gañou en verticalidade e deu un paso adiante en canto a potencialidade ofensiva. Unha aposta de risco fronte un rival, Levante, que levaba varios meses invicto na súa casa e que viña de inaugurar a Liga derrotando o Betis (0-3).

Non achantou o Celta, e a área de Oier convertiuse por momentos nun coto de pesca celeste. Os valenciáns non baixaron os brazos e tamén quixeron ir polo partido, embora o temperá gol de Sisto (minuto 10) poñía as cousas difíciles.

O 4-4-2 deseñado por Mohamed asentouse no control dos espazos. Xa non é o Celta que domina a maior parte do partido, que quere e ten a pelota. O Levante meteu o gol a alta dun cuarto de hora para rematar o partido e Mohamed apostou en retirar a Sisto por Yokuslu e debuxar un conservador 5-3-2 para amarrar a vitoria. Logrouse o triunfo, tres puntos, e a primeira vitoria co novo adestrador no banco.

Ficha:

Levante UD (1): Oier, Coke, Robert Pier, Postigo, Toño García, Jason (Raphael, min.59), Doukouré (Prcic, min.46), Campaña, Morales, Bardhi, (Rochina, min.70) e Roger.

RC Celta (2): Sergio, Hugo Mallo, Roncaglia, Araujo, Cabral, Júnior Alonso, Lobotka, Beltrán, Iago Aspas (Boufal, min.67), Maxi Gómez (Dennis, min.90) e Sisto (Okay, min.81).

Goles: 0-1, min 10: Sisto; 0-2, min.20: Maxi; 1-2, min.78: Morales, de penalti.

Árbitro: Hernández Hernández, do comité canario. Amoestou Hugo Mallo, Boufal, Sergio, Campaña, Pier.

Campo: Ciutat de Valencia.