Suspendido o Celta-Real Madrid por desprendementos na cuberta de Balaídos

Suspendido o Celta-Real Madrid por desprendementos na cuberta de Balaídos
[Imaxe: RyderBabel] Desperfectos na cuberta de Río
[Imaxe: RyderBabel] Desperfectos na cuberta de Río  

O Concello de Vigo anunciou a suspensión do partido de Liga que enfrontaba este domingo o Celta co Real Madrid. A causa, os desprendementos na cuberta do estadio municipal de Balaídos após o temporal que afecta o país.


Desprendementos nas chapas da cuberta da parte sur da grada de Río, no estadio de Balaídos, provocaron a suspensión do partido de Liga que ían disputar este domingo o Celta e o Real Madrid. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou que bombeiros, técnicos municipais e o clube determinaron que non se pode garantir a seguridade das persoas afeccionadas ao cento por cento.

O rexedor vigués sinalou que é “imprescindíbel” que se aseguren as chapas desprendidas da cuberta do estadio municipal (que está a ser reformado) pero os refachos de vento que seguen a afectar este sábado a cidade impiden que se poida realizar ningún tipo de actuación. “A obra é probábel que requira de días”, admitiu.

A anulación do partido do Celta chega un día despois de ser suspendido o encontro que enfrontaría o Dépor e o Betis en Riazor, após a caída de partes da cuberta do estadio nas zonas de Xeral e Maratón.

O Madrid presiona

Após o anuncio de Caballero, o Real Madrid pronunciouse para buscar unha alternativa que permita que o partido teña lugar. Alegan os madrileños que non teñen outra data dispoñíbel e propoñen espazos alternativos, como San Lázaro ou El Molinón, segundo informa Marca. O Celta, de momento, non contempla estas opcións.