Javier Tebas sobre a final da Copa do Rei: “Tería que aplicarse o 155 dentro do Wanda”

Javier Tebas sobre a final da Copa do Rei: “Tería que aplicarse o 155 dentro do Wanda”

O presidente da Liga avoga pola suspensión do encontro se hai apupos ao himno español.


Os apupos e asubíos ao himno español e a Felipe VI nas últimas finais da Copa do Rei están presentes na memoria do presidente da Liga, Javier Tebas, que esta fin de semana afirmou que se na final do 21 de abril entre Barcelona e Sevilla se reproducen ese tipo de situación “tería que aplicarse o 155 dentro do Wanda metropolitano”, o estadio que acollerá o partido.

 

Tebas incluso é partidario de que se suspenda o encontró. “Eu non sei se hai sancións económicas, a Copa do Rei non é da Liga. Eu sempre manifestei que se deberían sancionar, incluso chegar, porque non, a suspender un partido, mais como non se lexisla nese camiño… eu non podo cambialo, é o que hai”, afirmou en  Eldebatedehoy.es.

 

Tebas non agocha as súas simpatías políticas e ideolóxicas, que ten expresado publicamente en máis dunha ocasión, como cando afirmou que botaba en falta "un Le Pen á española" ou cando participou, bandeira española ao pescozo, nas manifestacións unionistas en Barcelona. 



x