O telégrafo que trouxo o fútbol

O telégrafo que trouxo o fútbol
[Imaxe: Cedida] O Exiles Cable Football Club en 1903.
[Imaxe: Cedida] O Exiles Cable Football Club en 1903.  
En 1873 instálase en Vigo a Eastern Telegraph Company para unir mediante cable telegráfico subacuático a localidade inglesa de Porthcurno e a cidade olívica. Ao contrario do que sucedía noutras zonas, eses traballadores británicos integráronse na sociedade local, chegando a fundar un clube co que practicar, por primeira vez en toda a península ibérica, un novo deporte, o foot‑ball. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respeito no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza.

m_3_FutbolFran, Otero, Amancio, Pahíño, Luís Suárez, Míchel Salgado ou Iago Aspas son algúns dos mellores xogadores que deu Galiza, lendas inesquecíbeis cuxas xestas están gravadas de forma indelébel na memoria dos amantes do deporte rei. Pero todos os goles, as asistencias e as tardes de gloria que protagonizaron non serían posíbeis se John Watkins Brett, o fillo dun ebanista nado en Bristol en 1805, non fundase a Eastern Telegraph Company.

A súa empresa, que se dedicaba a instalar cable telegráfico subacuático, estabeleceuse en Vigo no ano 1873 co obxectivo de unir a localidade inglesa de Porthcurno coa cidade olívica e esta, á súa vez, coa capital portuguesa, Lisboa. A Eastern Telegraph Company chegou cunha numerosa colonia de técnicos e traballadores de orixe británica, cuxa vida social pronto se articulou ao redor do Exiles Club (Club dos Exiliados). Entre as actividades deste estaba a práctica dun novo e puxante deporte con apenas 20 anos de vida na súa terra e que consistía en darlle couces a un balón de coiro até introducilo na portería rival a maior cantidade de veces posíbel. O foot‑ball, como lle chamaban por aquel entón, acababa de chegar á Galiza.

Nun primeiro momento practicárono só entre eles e con outros ingleses que chegaban ao porto local en diferentes navíos, nunha serie de encontros de carácter amigábel bastante afastados do que se entendía por fútbol en Gran Bretaña, xa que apenas se respectaban as regras que a Football Association trataba de impoñer na súa terra natal.

O resultado foron uns partidos que destacaban pola súa tremenda brutalidade, o que non foi óbice para que os orixinarios da zona fosen interesándose cada vez máis polo xogo da pelota, algo ao que contribuíu o feito de que, ao contrario do que sucedeu noutras zonas do Estado, os ingleses non se illasen na súa propia comunidade, senón que se integrasen na sociedade dun Vigo cuxa poboación por aquel entón apenas superaba a cifra dos 13.000 habitantes.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]