ALEXANDRE SANMARTIN, 'JANO'

“Ter unha selección nacional foi determinante para o éxito do fútbol gaélico en Galiza”

“Ter unha selección nacional foi determinante para o éxito do fútbol gaélico en Galiza”

Seleccionador do combinado nacional masculino e treinador do Estrela Vermelha, este compostelán salienta a gran progresión deste deporte no país nestes tres anos e a calidade que acadou. Algo, aponta, que se lle recoñece a Galiza internacionalmente.


Alexandre Sanmartin, 'Jano', comezou a mergullarse no fútbol gaélico en 2012, “case que por casualidade”, como el propio manifesta. A razón dunha entrevista no Novas de Galiza a un coruñés que practicaba este deporte, [email protected] [email protected] -da que el facía parte na altura- e a Fundaçom Artábria organizan un amigábel no Festival da Terra e da Lingua. De aí naceu unha equipa, o 'Suevia'. E nesa altura, explica, en Compostela procedíase á reformulación dun equipo de barrio, o 'Estrela Vermelha' do fútbol inglés ao fútbol gaélico. “E eu fun o encargado de adestrar”, lembra. E até agora, que segue á fronte do combinado 'picheleiro' e da selección nacional galega de fútbol gaélico, que a pasada fin de semana se enfrontou con Irlanda.

- As seleccións galegas, masculina e feminina, enfrontáronse coas de Irlanda, o país que é o pai de todo isto do fútbol gaélico. Cales foron as sensacións?

- Moi boas. Ao finalizar o encontro, os propios irlandeses nos confesaron que xogabamos moi ben, mellor que noutros territorios e países onde levan tempo neste deporte. En Galiza melloramos moito, a verdade. Temos bastantes equipos e iso propicia que haxa moitos partidos, fai que se compita moito e iso é importante. Creo, sinceramente, que a nivel europeo os galegos e as galegas estamos a un nivel bo, moi bo.

"Creo, sinceramente, que a nivel europeo os galegos e as galegas estamos a un nivel bo, moi bo"

- De ter que destacar algunha cualidade ou ponto forte do fútbol gaélico galego cal sería?

- Destacaría a cualidade da intensidade. Unha intensidade que vén do que comentaba antes, esa competitividade, unha competitividade san, que vén de competir moito e ben. En Galiza xogamos os partidos con moita intensidade. Na Liga somos 11 equipas masculinas e 8 femininas. Iso permite poder xogar moitos partidos.

- A que atribúes que este deporte, recentemente chegado ao noso país, tivese unha implantación tan rápida, unha acollida tan boa e que tanta xente aposte por practicalo, montar equipas nos seus concellos ou comarcas...

- Non creo que iso se deba a unha única causa. Hai varias. Unha delas, que neste país hai moita afección polo fútbol. Iso axuda, porque que chegue algo que se chama 'fútbol gaélico' xa atrae a xente, a ver como é, de que se trata...

Outro factor é o rol da selección galega. O éxito do fútbol gaélico no noso país vai parello ao ter unha selección nacional. O feito de ter un equipo que compite internacionalmente con outras seleccións, que vai a mundiais... fai subir moito o nivel.

"Queremos preparar ben o mundial de 2016 e chegar a el nas mellores condicións. Imos a Dublín a competir de ti a ti con todas as outras seleccións"

E unha terceira cuestións sería o do 'gaélico'. É algo que aquí, como o do celta, ten o seu tirón. Todo esa idea da comunidade celta que conforman Irlanda, Galiza, Bretaña... pois tamén axuda.

- Tamén entre as mulleres este deporte ten unha gran aceptación en Galiza.

- A progresión das mulleres no fútbol gaélico en Galiza é espectacular. Ademais dos factores antes citados, o feito de que este sexa un deporte novo no país e que comezou de cero puido que animase a moitas mulleres a participar, pois partían en 'igualdade', por dicilo así, non era visto como un deporte masculino, como pasa con outros.

- En 2016 tedes unha cita co Mundial de Dublín. Como o estades a preparar e cales son os obxectivos que vos marcades?

- O que estivemos a facer durante este ano foi disputar partidos amigábeis con outras seleccións, como Bretaña, Irlanda... algo que pensamos manter para o ano. Queremos preparar ben este mundial e chegar a el nas mellores condicións, algo que non foi posíbel no mundial que disputamos en Abu Dhabi (marzo 2015). En canto a obxectivos, pois alomenos repetir o acadado en Abu Dhabi (sub-campioa na categoría masculina), e de ser posíbel, mellorala. Imos a Dublín a competir de ti a ti con todas as outras seleccións.

- Neste tempo disputastes partidos con outras seleccións, como Bretaña ou Irlanda. Como vos viron, que vos comentaron? Âra eles ten que ser unha sorpresa enfrontarse a un país onde hai apenas cinco anos este deporte nin existía, non si?

Para eles é unha sorpresa. Hai tres anos case que nin existiamos e agora felicítannos polo ben que xogamos e o nivel que demostramos. Fomos xogar a Bretaña, onde levan máis dunha década xogando a isto e onde teñen unha selección boa, potente, e gañámoslle.