Tino Fernández asume a presidencia do Deportivo coa negociación do convenio con Facenda como desafío

Tino Fernández asume a presidencia do Deportivo coa negociación do convenio con Facenda como desafío
Candidatura de Tino Fernández
Candidatura de Tino Fernández  

Empresario de 47 anos, pon fin á epoca Lendoiro, 25 anos en que o Deportivo combinou triunfos futbolísticos históricos -1 Liga, 2 Copas do Rei, 3 Supercopas, 5 temporadas disputando a Champions- con débedas astronómicas. "Sucedo a un mito do deportivismo", dixo Tino Fernández no seu primeiro discurso como presidente.



Tino Fernández asume a presidencia do Deportivo após se pasear na xunta de accionistas decorrida esta terza feira na Coruña, ao reunir os votos correspondentes ao 72,09% das accións en que está dividido o capital social. Cascallar apenas conseguiu o respaldo do 4,83 % das e dos titulares de accións branquiazuis. As abstencións, o núcleo duro lendoirista, foron o 23,04%. En realidade, non houbo partido, e moito menos ao se retirar, nada máis comezar a reunión, Germán Rodríguez Conchado. Non o houbo desde que, no Nadal pasado, e após ser derrotado na xunta de accionistas do 19 de Decembro, Lendoiro anunciou o seu abandono.

O desafío agora para Tino Fernández é chegar a un acordo con Facenda, principal acreedor do clube (a débeda co erario público estímase en 95 millóns de euros) para evitar a liquidación económica da entidade.

Tino Fernández era até poucos meses colaborador de Lendoiro e todo apuntaba a que concorrerían unidos ao proceso de renovación do consello de administración, co empresario de 47 anos convertido nunha sorte de mago das finanzas.  Non foi así, após as intensas presións recibidas polo xa presidente por parte de determinadas instancias de poder locais (desde o PP até diario sabonita) para que rachase co dirixente de Corcubión. O duelo decantouse a prol de Fernández, que soubo conectar coa crecente sensación no seo da freguesía branquiazul de que o cambio, alén de inevitábel, era necesario.