PRIMEIRA XORNADA

Tirán foi sexta nunha Concha na que Hondarribia e Urdaibai deixaron as espadas en alto

Tirán foi sexta nunha Concha na que Hondarribia e Urdaibai deixaron as espadas en alto

A segunda xornada (día 13) da histórica regata vai ser un duelo entre a traiñeira gipuzcoana e a bizkaitarra pola emblemática bandeira donostiarra. A representante galega asinou unha digna sexta posición.


A primeira xornada da regata da Concha, a cita por excelencia para traiñeiras, deixou as espadas en alto entre Hondarribia e Urdaibai (Bermeo). Será na segunda xornadas (domingo 13) cando se decida o vencedor, nunha regata que se prevé emocionante pola escasa diferencia entre as dúas. A representanmte galega, Tirán, acabou de sexta, por diante de San Pedrotarra e Donostiarra, a case 30 segundos de Hondarribia.

De feito, a fenda de Hondarribia e Urdaibai co resto das competidoras foi abismal. Sacaron case 15 segundos de diferencia á embarcación que fixo o mellor terceiro tempo, Orio. Os de Orio, malia manter na súa tanda unha pugna con Urdaibai, non puideron manter o alto ritmo dos de Bermeo e acabaron entrando a doce segundos.

Tirán pon o ramo con esta participación na Concha a unha boa tempada. Foi a única traiñeira non vasca que logrou clasificarse para a proba na Bahía de Donostia, a máis importante do calendario. Antes da regata, desde o clube galego recoñecían que o posto ao que podían aspirar sería a partir do quinto, pois os catro primeiros ía ser case imposíbel que non ficasen en mans das '4 grandes': Hondarribia, Urdaibai, Orio e Kaiku. E así foi.