Traiñeiras a rebordar as rías

Traiñeiras a rebordar as rías
Foto: Samertolameu de Meira, campións da LGT 2018.
Foto: Samertolameu de Meira, campións da LGT 2018.  

A Liga Galega bate un récord, con 30 barcos a competir esta tempada entre as súas tres categorías: A, B e Feminina. Nesta última xa son 8 as tripulacións que disputarán o título.


Trinta traiñeiras competirán esta tempada na Liga Galega, unha cifra non acadada até o de agora e que leva á organización a falar de “feito histórico”: “Incríbel pero certo, seguimos crecendo, esta vez conseguimos ter 30 traiñeiras no mar. Feito histórico para o remo galego”. Trinta barcos entre as tres categorías da Liga: A, B e Feminina. Neste aumento tivo un papel importante o bo momento do remo feminino: a categoría feminina da LGT pasa ter este ano 8 traiñeiras, 3 máis que na anterior tempada.

Doce van ser as embarcacións que disputen o título na categoría A da Liga, a primeira división: Meira, que acumula varios destes títulos, vai ter este ano un rival moi especial: Tirán, que descendeu da ‘elite’ da ACT (onde compiten traiñeiras galegas, vascas e cántabras). A veciñanza, xa se sabe, incrementa exponencialmente a rivalidade. Ares e Mecos completaron en 2018 o podio da Categoría A e este ano irán tamén a por todas. Completan as traiñeiras neste grupo Bueu, Mera, Rianxo, Vilaxoán, Pobra, Amegrove, Cabo de Cruz B e Muros.

Na categoría B van ser 10 as embarcacións que este ano disputen sobre as augas das rías galegas o triunfo: Coruxo, Cabana- Ferrol, Castropol, Chapela, Vila de Cangas, Cedeira, Salgado-Perillo, Mugardos, Esteirana e Cesantes.

A LGT-Feminina ten este ano oito traiñeiras: Ribeira, Cabo de Cruz, Salgado-Perillo, Mugardos, Mecos, Tirán, Bueu e Chapela. O traballo de canteira deu os seus froitos e pon no mar 8 barcos.

Mención especial merece Cabo de Cruz: para alén de traiñeira na LGT-A e na categoría feminina, os do Barbanza son os únicos representantes de Galiza na elite do remo, a Liga ATC ou ‘Eusko Label’. Este club é socio fundador desta competición.



x