Traiñeiras: Tirán faise valer na ACT e Rianxo lembra na Liga Galega a grandeza do remo

Traiñeiras: Tirán faise valer na ACT e Rianxo lembra na Liga Galega a grandeza do remo
A tripulación da traiñeira de Rianxo celebra a súa terceira bandeira nunha semana. Imaxe: @Adolfomuinhos
A tripulación da traiñeira de Rianxo celebra a súa terceira bandeira nunha semana. Imaxe: @Adolfomuinhos  

A embarcación de Tirán mostra músculo e bo facer na San Miguel mentres na Liga Galega-A hai 'baile' e na Liga Galega-B un histórico saca proa.


A tempada de traiñeiras non é moi longa, apenas mes e medio, mais a intensa chégalle ben. A Liga San Miguel ou ACT, con dúas embaracacións galegas a competir con 9 vascas e 1 cántabra, e a Liga Galega centran olladas e interese. E non defraudan. Na Liga ACT Hondarribia volveu se meter no peto as dúas regatas que houbo esta fin de semana, en Pasaia e en Zumaia, dando pasos de xigante para alicerzar o seu dominio no universo das traiñeiras. Embora esta hexemonía vasca, a traiñeira de Tirán está a deixar alta a bandeira galega. Rematou cuarta en Pasaia e sétima en Zumaia, e mantense cuarta na clasificación xeral, só por detrás de 3 das 4 'Fab Four': Hondarribia, Urdaibai, Kaiku. Os de Tirán superan a Orio, toda unha histórica.

A outra representante galega na máxima categoría, Cabo de Cruz, segue sen acabar de atopar o seu ritmo. Embora o terceiro posto conquistado na casa o pasado domingo, nas dúas regatas desta fin de semana non foi quen de lograr estar ao seu mellor nivel: acabou décima en Pasaia e oitava en Zumaia. Na Xeral mantese no posto número 8 entre 12, lonxe das súas potencialidades e posibilidades.

E en augas galegas?

A fin de semana tamén foi interesante en augas galegas. Nas categoría A da Liga Galega de Traiñeiras segue a haber movemento. Once embarcacións compiten nesta categoría. O sábado, en Mugardos, a bandeira foi conquistada por Samertolameu de Meira, a favorita absoluta ao inicio da tempada. Mais o domingo, en Vigo, foi a traiñeira de Coruxo a que se impuxo, por diante de Bueu e Mecos.

E na categoría B, Rianxo segue a sacar a proa. Meteu a bordo as dúas bandeiras desputadas esta fin de semana, a de Cangas e a de Rianxo, que se suman á atinxida a pasada fin de semana en Narón. Tres bandeiras consecutivas conquistadas polos rianxeiros, que poñen así fin, e de que maneira, a cinco anos de seca. Un lustro ben duro para un clube con galóns de histórico. Sitúanse agora primeiros na Xeral, por diante dos de Cabo e rememoran os anos dourados dunha embarcacións histórica, A Manuela, que desde o porto da vila de Castelao señoreaba as augas arousáns nos 40, sempre en pugna cos vilaxoaneses do Carmelo.