A triplista galega Ana Peleteiro bate a súa mellor marca

A triplista galega Ana Peleteiro bate a súa mellor marca
Ana Peleteiro nos Mundiais de Atletismo de Londres 2017 Foto: Arquivo
Ana Peleteiro nos Mundiais de Atletismo de Londres 2017 Foto: Arquivo  

A moza do Barbanza saltou unha distancia de 14,55 e queda a nove centímetros do récord estatal


Este domingo, Getafe acolleu a celebración do Campionato de España Absoluto de Atletismo. A competición rexistrou a mellor marca persoal da atleta galega Ana Peleteiro, que estirou o seu salto até 14,55 metros, só nove centímetros por debaixo do récord do Estado español, que até agora ostenta Carlota Castrejana.

 

A ribeirá, que xa gañara a medalla de bronce no Mundial de pista cuberta de Birmingham, foi aumentando os seus rexistros durante o campionato estatal. Pasou dun primeiro salto de 14,39 até 14,45 nun segundo intento. Foi na terceira tentativa na cal chegou até eses 14,55 metros que a sitúan nunha posición favorábel de cara ao campionato europeo de Berlín, que terá lugar no próximo mes de agosto.

 

Na mesma proba de triplo salto, a segunda praza correspondeu a Patricia Sarrapio, que rexistrou un salto de 13,92. O bronce, pola contra, foi para María Vicente, campioa de Europa Sub18 que completou un intento de 13,67.



x