Urdaibai gosta de vogar en augas coruñesas

Urdaibai gosta de vogar en augas coruñesas
Imaxe: Liga ACT
Imaxe: Liga ACT  

A traiñeira ‘Bou Bizkaia’ imponse nas dúas xornadas da Bandeira da Coruña e afiánzase no liderado da ACT. Na Liga Galega, sorpresa inesperada en Vigo e cambio de líder.


Urdaibai gañou na Coruña o ano pasado, gañou o sábado e gañou o domingo. A traiñeira  bizkaitarra semella que gosta das augas coruñesas, estean estas calmas ou –como nesta fin de semana- complicadas polo forte vento que azoutaba e mesmo superaba os 30 quilómetros por hora. Urdaibai mantense intratábel, con catro vitorias en cinco regatas.

 

O barco  ‘Bou Bizkaia’ impúxose con claridade nas dúas xornadas da Liga ACT que esta fin de semana se disputaron na Coruña e meteuse a bandeira no peto, para alén de reforzar o seu liderato nesta categoría da elite do remo en banco fixo: lidera a clasificación con 58 puntos, seis por riba da súa perseguidora, a traiñeira de Hondarribia (52 ptos).

 

Non foi, porén, unha boa bandeira para as representantes galegas na ACT: Cabo e Tirán. Os crucenses finalizaron oitavos e mantéñense sextos da Xeral, un posto máis que meritorio. Tirán, pola contra, ocupa a derradeira praza após un mal inicio de tempada.

 

Liga Galega

 

Na Liga Galega o domingo saltou a sorpresa en Vigo na categoría A. O sábado, en Vilaxoán, non houbo sustos e Meira encadeou a súa cuarta vitoria consecutiva. Os de Samertolameu gañaran as catro regatas celebradas. E chegaban a Vigo o domingo coa intención de sumar unha quinta bandeira.

 

Mais iso non pasou. Meira foi descalificada en augas de Coruxo por non pasar polo seu carril baixo a ponte de Toralla. Ïa naquel momento liderando a proba. A descalificación deixouna fóra e permitíu que Mecos se fixese coa proba.

 

Na clasificación xeral o liderato é para Ares, unha embarcación que nestes anos demostra un nivel competitivo moi alto. Mecos e Meira completan o podio da Categoría A.

 

Na Liga Feminina as rapazas de Ribeira fixéronse coa vitoria en Vilaxoán e lideran a clasificación, por diante da Pobra-Cabo, Perillo, Vilaxoán e Mugardos. Na categoría B o liderato é partillado entre Cabo B e Muros.



x