EUROPA MÁIS LONXE

O Villarreal despeza o Celta con tres goles de Bacca

O Villarreal despeza o Celta con tres goles de Bacca
Imaxe do Villarreal Celta do sábado, 28 de abril. Foto: Liga.
Imaxe do Villarreal Celta do sábado, 28 de abril. Foto: Liga.  

En menos de 40 minutos, Carlos Bacca anotou tres dos catro goles cos que o Villarreal despezou o Celta na noite do sábado. A equipa colócase así a un paso das competencións europeas e deixa os de Vigo xa case sen posibilidades de acceder a elas.
 


A primeira parte do encontro resolveu practicamente todas as dúbidas. Só transcorreran 12 minutos de partido cando Raba intuíu un espazo libre arredor de Bacca. Cedeulle o balón e o Villarreal adiantouse no marcador. Nese intre, os de Castellón xa cabecearan á madeira e crearan perigo na área galega. Hai quen di que mesmo un penalti desapercibido para o árbitro.

Durante 20 minutos, o mando permaneceu nos de Bacca. Mais no 33, Sisto igualou o marcador. A ledicia celtista non durou. Na primeira xogada despois de reanudar o xogo, Bacca volveu adiantar o Villarreal. E tres minutos despois, no 37, o colombiano completou o seu hat trick. A disputa, e as esperanzas para o Celta, esvaecéronse.

Aínda que a segunda parte non pareceu tan segura para o Villarreal como indicaba o marcador parcial -3-1-, apenas houbo sustos. A ausencia de Iago Aspas influíu. E no minuto 92, Samu Castillejo subiu o cuarto gol dos castellonenses.

Na comparecencia de prensa posterior, o adestrador celtista Juan Carlos Unzúe lamentou a “falta de acerto” no segundo tempo e comentou a situación na táboa: “Evidentemente Europa está máis complicada, pero matematicamente non está acabada e non o imos deixar ate o final. Imos pelexar mentres haxa opcións de o podermos acadar”.

Ficha técnica:

Villarreal: Asenjo, Mario Gaspar, Álvaro, Víctor Ruiz, Rukavina; Rodri, Manu Trigueros, Castillejo, Raba (Fornals, m.59), Cheryshev (Sansone, m.85) e Bacca (Unal, m.77).

Celta: Sergio, Hugo Mallo (Tucu Hernández, m.74), Cabral, Sergi Gómez, Jonny; Jazabed (Emre Mor, m.83), Lobotka, Brais Méndez (Boyé, m.68), Sisto, Wass e Maxi Gómez.

Goles: 1-0, m.13: Bacca. 1-1, m.34: Sisto. 2-1, m.35: Bacca. 3-1, m.38: Bacca. 4-1, m.92: Castillejo.

Árbitro: Alberola Rojas. Amoestou Trigueros e Castillejo, do Villarreal.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 35ª da liga, disputado no estadio da Cerámica ante 14.135 espectadores.



x