O 15 DE SETEMBRO EN LUGO

Xornada pola igualdade de xénero no deporte

Xornada pola igualdade de xénero no deporte
Imaxe dun partido de fútbol gaélico. Foto; AGFG.
Imaxe dun partido de fútbol gaélico. Foto; AGFG.  

O Observatorio da Mariña pola Igualdade e a asociación Mulleres Deportistas Galegas veñen de convocar a primeira xornada de Mulleres e Deporte. Será o 15 de setembro no Museo Provincial de Lugo e levará como epígrafe Rachando cos moldes do adestramento.
 


“Esta xornada xorde tras a constatación da desigualdade que se respira no ámbito deportivo”, sinalan as organizadoras nun comunicado, “cargado de estereotipos de xénero, masculinizado e baseado no modelo androcéntrico. Fronte a este modelo tradicional, elaboramos un proxecto innovador cunha óptica feminista”.

diptico mulleres e deporte

As palestras desenvolveranse ao longo de todo o día. De mañá, tratarase o ciclo menstrual, a importancia do adestramento de forza e a alimentación como piar deportivo. Pola tarde, haberá práctica de consciencia corporal, abordarase a dor durante a menstruación e a necesidade dunha mudanza de paradigma.

“Queremos cuestionar o que se está a facer neste intre, concienciarmos as deportistas e tamén as profesionais que as rodean da importancia de traballar sobre propostas transformadoras baseadas nas caracteróisticas fisiolóxicas e anatómicas propias dos corpos das mulleres para evitar lesións e acadar o máximo rendemento posible”, conclúen as impulsoras de Mulleres e Deportes.

O encontro ten unha cota de inscrición de 10 euros, cinco para as membros do Observatorio e de Mulleres Deportistas Galegas.

Nota: díptico co programa completo da xornada.