“Barcos si, sobres non!” claman milleiros de persoas nas rúas de Ferrolterra

“Barcos si, sobres non!” claman milleiros de persoas nas rúas de Ferrolterra
Manifestación Ferrol
Manifestación Ferrol  
A bisbarra de Ferrolterra respondeu multitudinariamente á convocatoria dos comités de empresa do sector naval e máis de 30.000 persoas colapsaron as rúas de Ferrol na demanda de carga de traballo e para denunciar o incumprimento das promesas feitas polo Partido Popular.

Do Inferniño até a Praza do Concello, a cidade inteira ficou colapsada por unha maré humana que reclamaba carga de traballo para un sector do que depende en boa medida a saúde económica da comarca. A crítica situación do sector, que bota fóra cada día catro traballadores, estase a notar de maneira directa nunha comarca que volveu saír á rúa para defender o seu futuro. As críticas ao PP pola súa pasividade cara ao sector, en especial nos gobernos da Xunta e español, protagonizaron unha xornada máis de loita, desta volta, coa participación masiva da cidadanía da comarca.

Demandouse que o PP cumpra as promesas electorais que deitaron sobre o sector naval, en especial, a construción do buque de apoio, do dique flotante e a xestión de novos contratos que permitirían saír da gravísima situación que están a padecer. “Barcos si, sobres non” e “queremos traballar e non emigrar” foron algunhas das consignas máis repetidas na marcha a través da cidade. “Onde están eses compromisos ou é que só se lembran do naval antes de metermos a papeleta na urna?” perguntouse no comunicado final, lido pola escritora Medos Romero.

“O nivel de participación demostra que a cidadanía da comarca está implicada e é consciente da situación. Hai conciencia social de que a comarca non ten futuro. Agardamos que tanto o goberno da Xunta como o central tomen cartas no asunto”, valora Manuel Grandal, responsábel comarcal da CIG. Cada día catro persoas perden o posto de traballo no sectór naval nunha comarca cun índice de desemprego que medra exponencialmente de maneira superior a calquera das outras. Neste sentido, para Grandal, a reclamación do dique flotante preséntase como unha urxencia tanto para conseguir carga de traballo para o sector como para ter unha ferramenta de futuro para cando no 2015 se abra o canal de Panamá. Estímase que en ano e medio o sector perdeu 1.900 postos de traballo nunha comarca na que a taxa de desemprego atinxe xa arredor do 30%.

"Por vez primeira en vinte anos non hai un só barco nas gradas"

Uns 17.000 empregos dependen de maneira directa ou indirecta do sector naval en Ferrolterra, postos de traballo que perigan se non se consegue maior carga de traballo e a construción do dique flotante, demandas que se repetiron ao longo da manifestación. A situación afecta de maneira especial a 3.000 postos de traballo directos e outros tantos de empresas auxiliares. Reclámanse actuacións políticas tanto do goberno galego como español que muden a grave situación pola que se está a atravesar xa que, por vez primeira en 20 anos non hai un só barco nas gradas. Representantes dos comités de empresa anunciaron que presentarán un novo calendario de mobilizacións até obteren solucións políticas á situación.