O perdido e o ganado: 265.000 hectáreas menos de solo agrario e 396.000 para o eucalipto

O perdido e o ganado: 265.000 hectáreas menos de solo agrario e 396.000 para o eucalipto

No último número do seu voceiro, o SLG advirte das ameazas presentes para o país.


As miles de explotacións gandeiras en activo na Galiza dispoñen de 650.000 hectáreas. Só o monocultivo de eucalipto ocupa perto de 200.000 Has, unha cifra que se dispara até as 396.000 de contabilizarmos as superficies mixtas, é dicir, aquelas na que esta especie convive misturadas con outras. “ Decotío en plantacións ilegais en solo agrario que non son perseguidas polas autoridades competentes”, denuncian desde o Sindicato Labrego Galego, que recolle estes datos no seu último voceiro.

A organización salienta que apenas o 24% do territorio galego ten uso agrícola, fronte ao 40% de países máis desenvolvidos, como pode ser o caso de Francia. Citan un estudo da Universidade de Compostela para nos lembrar que na Galiza perdéronse desde 1985 unhas 265.000 hectáreas de superficie agraria útil. Así, salientan, “nos últimos anos, cada vez son máis as hectáreas que acaban en mans de grandes empresas na Galiza, de maneira directa ou indirecta, para fins que non teñen que ver coa produción de alimentos”.

É neste ponto que denuncian a eucaliptización do país para fornecer de materia prima industrias como a celulosa ou o Plan Sectorial de Actividades Extractivas, “que impón a minaría como uso prioritario no 60% do noso territorio, son bos exemplos destas ameazas”.

Stop eucalipto

Unha vintena de organizacións ambientalistas uníronse a comezos de ano para impulsar a campaña 'Stop eucalipto, avante carballo!”. Unha injiciativa que nacía pouco despois da prórroga da concesión do goberno español en funcións a ENCE para seguir en Lourizán: "Ameaza seriamente á biodiversidade de todo o país pola extensión do seu modelo de negocio (pasta de papel, biomasa) baseado no monocultivo do eucalipto”.Alertaban que o 28% da superficie arborada galega estaba ocupada por esta especie e propuñan unha serie de medidas e accións a desenvolver para reverter esta situación.