En 349.500 fogares da Galiza non hai ningunha persoa activa

En 349.500 fogares da Galiza non hai ningunha persoa activa

En 32% dos fogares ningún dos seus habitantes traballa ou está en procura de emprego. É 20% máis que a principios desta década.

 


A perda de poboación activa é un sinal de alarma. A poboación activa está composta polas persoas con emprego e por aquelas que, estando rexistradas no paro, aspiran atopar un posto de traballo. 

No primeiro trimestre de 2019 na Galiza había 349 500 fogares (32,0 % do total) onde ningún dos seus habitantes está activo; a cifra máis elevada da serie analizada. Son dados do estudo de CCCO Galiza ‘A precariedade non é una opción’. É 20% máis dos que había en 2010 (293.600).

Ademais, no primeiro trimestre de 2019 había 26.200 fogares en que non había ningunha persoa perceptora de ingresos fronte aos 17.500 que había nove anos antes. O concepto de ingreso económico inclúe tanto o salario, como os diferentes tipos de pensións (xubilación, prexubilación, discapacidade…) ou prestacións por desemprego.

Atendendo aos contratos rexistrados nas oficinas do Servizo Público de Emprego, persiste a excesiva temporalidade e a escasa duración dos contratos temporais. Nos cinco primeiros meses de 2019 rexistráronse 405 925 contratos, dos cales 368 906 foron temporais (90,88 %). En canto á súa duración, aproximadamente 36 de cada 100 duraron menos dunha semana. A rotación laboral está en máximos: cada persoa asalariada temporal asinou de media 4,29 contratos no 2018, o cociente máis elevado da última década.

A maioría das horas extraordinarias que se traballan non se pagan: no primeiro trimestre de 2019, o 53 % non se remuneraron. As horas extraordinarias traballadas e non pagadas son explotación laboral, contribúen á desvalorización salarial e prexudican a conciliación da vida laboral coa persoal e familiar. Pero, amais, pérdese de crear emprego e de ingresar nas arcas do sistema.