Os 600 millóns de euros da lista galega de grandes morosos

Os 600 millóns de euros da lista galega de grandes morosos
[Imaxe: EFE] A construtora Fadesa é unha das empresas que lle deben diñeiro a Facenda
[Imaxe: EFE] A construtora Fadesa é unha das empresas que lle deben diñeiro a Facenda  

Máis de 200 empresas e directivos galegos fan parte da lista galega de grandes morosos con Facenda, aquelas persoas que adebedan máis de un millón de euros. En conxunto teñen obrigas pendentes por case 600 millóns de euros, cifra que é 24% máis que os 480 millóns que este ‘club’ de morosos debía un ano antes. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 333 de Sermos Galiza.


5O ano comezaba coa publicación no BOE do acordo de extinción de Petro Nova Oil. A xustiza certificaba así a defunción da empresa galega que máis debía a Facenda: 82 millóns de euros. Por riba, estaba implicada nunha macrofraude relacionada co gasóleo. A noticia volveu situar ante os focos a existencia de importantes empresas e tamén persoas físicas con obrigas pendentes con Facenda por cantidades considerábeis.

Por volta de 200 compañías fan parte do que se podería chamar a lista galega de grandes morosos, aquelas persoas que adebedan máis de un millón de euros. Entre todas e todos suman case 600 millóns de euros en débeda co fisco, unha cifra que é superior (24% máis) aos 480 millóns que a listaxe de principais morosos de Galiza debía no ano anterior. 

O top 3 lidérao Martinsa Fadesa, que embora reducir a débeda en 23% nun ano continúa con obrigas pendentes por 50 millóns de euros. Séguelle outra empresa da rama de promotoras ligadas á construción, Mavieira (antes Mahía) e os seus 28 millóns de euros. A Compañía Gallega de Licores, con sede en San Cibrao das Viñas, ocupa o terceiro posto en morosidade coas arcas públicas, con 22 millóns de euros.

Na listaxe atopamos desde empresas en liquidación ou suspensión de pagamentos até compañías resgatadas con cartos públicos. Hai canteiras, construtoras, conserveiras, negocios do téxtil e do sector do metal, distribuidoras... E persoas físicas, sendo o caso máis relevante o de Mario Conde, que na última listaxe adebedaba el soíño 15 millóns de euros. 

Con todo, o que adebedan os grandes morosos galegos é menos de 4% dese total de 15.300 millóns de euros que adebedan en conxunto as 4.318 empresas e persoas físicas de todo o Estado que figuran na listaxe da Axencia Tributaria.

Desde Gestha, sindicato de técnicos de Facenda, lembran que aproximadamente 40% da cantidade adebedada non se vai poder cobrar. Isto significa que uns 240 millóns de euros deses case 600 millóns que adebedan os grandes morosos galegos non van poder recuperarse. Entre esas cantidades, por exemplo, os 1,6 millóns de euros da conserveira Alfageme, empresa extinta.

Poucos sectores de actividade hai que non conte con algunha firma que figura nesta listaxe de morosos en Galiza. No conserveiro figuran nomes como Galiciamar (3 millóns de euros) ou Conserveira Celta (1,2 millóns). No das canteiras figuran Áridos Reboredo (2,5 millóns) ou Áridos Lamas San Sadurniño (1,3 millóns). No téxtil hai nomes como o de Caramelo, que adebeda máis de dous millóns; ou Dayaday, con máis de 1,3 millóns.

[Podes ler a información íntegra no número 333 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x