OS EFECTOS DO 'CRACK' DO 29 E A GRAN DEPRESIÓN

90 anos da crise que fixo tremer o capitalismo

90 anos da crise que fixo tremer o capitalismo
Xente amoreada ás portas de Wall Street. [Imaxe: arquivo]
Xente amoreada ás portas de Wall Street. [Imaxe: arquivo]  
O pasado mes de outubro fixéronse 90 anos dunha semana fatídica para o capitalismo, con epicentro nos Estados Unidos de América, á que se chegou tras varios anos de falsa prosperidade sustentada na especulación e na facilidade de acceso ao crédito.

Hai 90 anos o capitalismo viviu a súa primeira gran crise. O coñecido como Crash do 29 sacudiu os alicerces da economía moderna e obrigou a mudar o xeito no que se estaban a facer as cousas. Por primeira vez, os Gobernos víronse na obriga de intervir para mitigar os fortísimos impactos que o libre albedrío provocou no mercado de traballo e no tecido financeiro e empresarial. 

Antes de que se falase do Black Friday, ese día no que as marcas e os grandes bazares de internet baixan os seus prezos para fomentar un consumo desmedido en poucas horas, houbo dous días negros na historia, e ambos teñen relación co Crash do 29. O primeiro foi o 24 de outubro de 1929, coñecido como Xoves Negro, e o segundo, o 29 dese mesmo mes, o Martes Negro. 

Tres factores están detrás desta primeira gran crise do capitalismo. En primeiro lugar, a superprodución agrícola, que levou a unha baixada considerábel das rendas agrarias como consecuencia do exceso de oferta e baixada dos prezos dos produtos do agro. Despois, a borracheira crediticia e o subconsumo industrial. A xente acostumouse a pedir préstamos para case todo. E por último e máis importante, a tremenda especulación na bolsa neoiorquina de Wall Street.

Os anos previos ao crack foron tempos de falsa prosperidade. A burbulla comezou a crecer hai agora un século. En 1919, os Estados Unidos de América (EUA) emerxían como potencia mundial tras a Primeira Guerra Mundial. Para financiar a súa participación na contenda, o Goberno emitiu os chamados ‘Bonos Liberdade’, un produto moi rendíbel ao que despois seguirían os primeiros bonos corporativos emitidos polo National City Bank. 

A xente de a pé comezou a interesarse por estes produtos, ao que tamén axudou que a recente creada Reserva Federal (o banco central estadounidense) mantiña unha política de tipos baixos, que sería detonante tamén da burbulla inflacionista e a posterior borracheira bursátil. 

O crédito creceu sen medida, ao igual que o interese das persoas polas operacións bursátiles tras a apertura da Bolsa a calquera que puidese adquirir valores. A situación complicouse coa prolifereación de axencias de corretaxe que permitían a venda de accións a crédito e apalancamentos de 1 a 10, é dicir, dez veces superiores ao capital real. Isto provocou, á parte dun exceso de demanda, que dous terzos das accións fosen mercadas con cartos prestados. 

O inicio da Gran Depresión

Todo comezou a mudar a quinta 23 de outubro, cando o mercado de valores mudou de tendencia e comezou a caer con forza. O medo apoderouse da xente ao ver que os títulos perdían 7% do seu valor e se ofertaban paquetes de accións por un terzo do seu valor. Os bancos tiveron que actuar e meteron grandes sumas de diñeiro en compañías estratéxicas. Lograron retrasar a catástrofe uns días. 

A terza a situación non tivo volta atrás. O batacazo da Bolsa nesa xornada levou á ruína bancos e investidoras de todas as clases por non poder liquidar as débedas. John Kenneth Galbraith, autor do libro O Crack do 29 afirmaba que o factor máis singular da crise foi que “o peor empeoraba continuamente. O que un día semellaba a fin da crise, demostrábase ao seguinte que só fora o comezo”. 

 E así foi. A Gran Depresión durou até ben entrados os anos 30 do século pasado. Hoover, o presidente americano naqueles anos, adoptou unha serie de medidas moi cuestionadas, como o rescate de bancos, firmas ferroviarias e mesmo Estados, amparándose na tese de que o sistema capitalista reequilíbrase automaticamente. O problema de primar o capital económico sobre o produtivo deixou moitas familias en situación de pobreza extrema. Multiplicábase o número de persoas sen fogar, crecía a delincuencia e proliferaban doenzas de toda clase. As protestas eran continuas e levaron incluso a que o Goberno empregase o exército para conter as manifestantes.

O New Deal

A solución veu da man do presidente Roosevelt, que puxo en marcha á súa chegada o coñecido como New Deal, un programa que contemplaba medidas como a intervención estatal na economía, axudas ás entidades financeiras, proteccionismo arancelario e impulso das obras públicas.

Hoxe, case un século despois, a situación mudou, pero algunhas das políticas monetarias e financeiras que levaron entón ao desastre seguen vixentes. Na saída da última gran crise, a de 2008, que tamén tivo a súa orixe nunha burbulla financeira, os Gobernos deron prioridade ao rescate do sistema financeiro antes que o das persoas. Agora, unha política de tipos baixos trata de manter latexando unha economía que empeza a dar signos de fatiga. Volve o proteccionismo e a guerra arancelaria instigada por Donald Trump, un empresario que dirixe os designios dos Estados Unidos de América. O endebedamento dos Gobernos e das corporacións, que tratan de salvar as súas contas con inxeccións de diñeiro, e o parón do consumo, tanto interno como externo, ameazan con traer de novo a inestabilidade económica e pode que unha nova crise, a segunda do actual século, innerente ao propio sistema capitalista.